O vindeiro sábado 24 de outubro ás 11,30 h. da mañá terá lugar un paseo literario pola cidade de Vigo que eu mesmo guiarei. O paseo está organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e, aínda que é gratuíto, é preciso inscribirse previamente. Ao longo do traxecto, tratarei de ir desentrañando diversas claves do Vigo portuario en intersección cos meus propios libros, acompañándoo de diversas lecturas de textos nos que vida, cidade e literatura se entrecruzan. Percorreremos a paisaxe do Vigo portuario, ese no que o mar, a pesca, a industria, a marxinación e o futuro se dan a man intimamente e fan da nosa cidade un lugar do mundo.
Tomando como punto de partida a rúa García Barbón e rematando no barrio de San Francisco, exploraremos o Vigo portuario guiados polos personaxes e localizacións dos meus libros, tanto de narrativa como de poesía. O percorrido guiaranos polos escenarios, reais e literarios, que conectan á cidade coa ría e co atlántico, nese microespazo tan singular que define o perfil dunha cidade que naceu e medrou grazas ao mar e á actividade económica que se desenvolveu a partir del. Será un cóctel de cidade, vida e literatura aprehendida cos ollos dalgúns personaxes como a Señora Lola, que traballa facendo tortillas para os obreiros logo de cruzar a ría a diario.
Anímate a acompañarnos!
Día: Sábado 24 de outubro
Hora: 11,30 horas
Saída: Rúa García Borbón (ao pé das escaleiras que soben a Alfonso XIII)
Prazas: 50 persoas
Prezo: gratuíto
Inscrición: actividades.snl@vigo.org
As persoas que desexen incribirse deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org a partir do día 10 de outubro até se esgotaren as prazas (50 por paseo). Inscrición por orde de chegada do correo.
Com m'agradaria poder participar! Segur que serà un passeig inoblidable!
ResponderEliminarMoltes gràcies, Fina. Se algún día te animas a vir a Vigo, conta con ese paseo!
ResponderEliminar