2.12.16

Poetic@, na corda frouxa. En... 2ª edición?

Hai mes e medio, parte da programación de Poétic@ deixou de funcionar debido a unha actualización automática do software. Ese feito obrigoume a revisalo e actualizalo, un proceso, por certo, con custes que se cadra sitúa unha obra dixital de ciberpoesía coma esta nunha... 2ª edición? Probablemente se poida considerar así. Entre outros motivos porque, ademais de actualizar a programación, aproveitei para facer pequenos cambios. Algúns son pouco relevantes, como o de incorporar á portada a información do galardón que recibiu (Premio Gala do Libro Galego ao Mellor Proxecto Literario en Internet). Pero algún outro foi relevante e afecta á navegación, que agora é moito máis áxil: fixen desaparecer a miña longa introdución, é dicir, o limiar, ao que agora só se pode acceder a través dunha ligazón, pero non a través da navegación páxina a páxina.
Entretanto, publicouse unha recensión relevante sobre o libro, relevante porque aparece nun ámbito especializado en Literatura Electrónica: Proxecto Le, recensión que agradezo desde aquí.
No pasado mes de xuño publicouse un artigo meu sobre Poétic@ no semanario Sermos Galiza; unha valoración persoal sobre a súa recepción pública e crítica que partiu dunha iniciativa da AELG. Aproveito este momento para ofrecer en Cabrafanada unha versión que actualicei lixeiramente xa no mes de setembro, que tamén se pode descargar en pdf nesta ligazón.



Poétic@, na corda frouxa

Pasou máis dun ano desque publiquei Poétic@ na web, unha forte aposta persoal, de literatura electrónica, tan novidosa como arriscada. Así que agradezo este oportuno convite que se me fai desde a AELG e Sermos Galiza para falar do libro. Poétic@ é un libro de poesía electrónica e transmedia, de acceso libre (www.poetica.gal) que foi concibido e escrito desde a curiosidade, a intuición e a experimentación. Conduciume ata ela o meu interese por investigar, innovar, e un certo gusto por escribir desde a corda frouxa, posición na que tamén, certo, sinto inseguridade. 

Nunca un libro de poemas (Poétic@ é, en definitiva, un libro de poemas) me roubou tantas horas, esforzo e dedicación. A cambio, agasalloume unha prolongada conxuntivite a causa do exceso de horas diante pantalla, transgredindo os lindes razoables do descanso. E deixoume a boa experiencia de traballar con Kris Darias, programadora imprescindible para resolver cuestións técnicas.
A recepción crítica de Poétic@ apenas xerou debate literario, se ben a concesión do Premio ao Mellor Proxecto Literario na Rede que se lle outorgou hai un mes na Gala do Libro Galego reavivou a súa actualidade. E aínda que facer visible Poétic@ resultoume bastante máis difícil do que contaba, recoñezo que xoga ao meu favor, fronte a outros creadores que se desenvolven exclusivamente no ámbito da literatura electrónica, o feito de ter ás miñas costas un aval de 25 anos de traxectoria literaria e, sobre todo, moitos títulos publicados en papel. Ora ben, en strictus sensus, chama a atención que Poétic@ fose recibido unicamente con dúas recensións críticas –á que en outubro de 2016 se lle suma a publicada en Proxecto.le) e non atopase oco en ningún suplemento literario de revistas ou xornais. É dicir, que foi menos recensionado que a reedición do meu libro Silencio e moito menos que os meus recentes Contos nerviosos. Tamén é significativo que Poétic@ non fose citado en case ningunha das panorámicas críticas que revisaron o pasado ano literario 2015. A miña proposta para presentalo no Culturgal, por primeira vez de forma física, a través dun recital multimedia tampouco foi aceptado pola organización.
 Un ano despois, pregúntome, intrigado, como tería sido a recepción do libro se o publicase exclusivamente en papel. E digo isto porque entendo que este comportamento está estreitamente ligado ao que sucede coas publicacións que empregan soportes alternativos e ao lóxico desconcerto que provoca Poétic@ con respecto ao tratamento que se lle debe outorgar.
Probablemente cabe dentro desa interpretación o feito de que só 36,65% das visitas a Poétic@ procedan do Estado español e que un 15,79% procedan dos Estados Unidos, así como que o 61% das visitas pertenzan a menores de 34 anos, o 15,50 % teñan entre 35 e 44 anos e a franxa de idade á que eu mesmo pertenzo supoña unicamente o 12,50% das visitas.
Malia existiren traballos pioneiros anteriores, o certo é que a nosa literatura apenas dera pasos significativos nese sentido. A literatura electrónica aséntase e procede das literaturas anglófonas (as que teñen o poder de irradiar a cultura cara ao resto do mundo) e de sociedades tecnoloxicamente innovadoras. Nas linguas peninsulares, a súa existencia é tímida. E, con todo, intúo que a nosa concepción da literatura vai mudar no futuro próximo. A realidade é que a Internet das Cousas comeza a acompañarnos na nosa vida diaria, os aparellos intelixentes modifican os nosos xeitos de ocio, a narración multimedia apoderouse das formas de contar actuais, a robótica e a biotecnoloxía teñen a forza dunha bola de neve e a intelixencia artificial cambiará, probablemente, a nosa relación co feito literario. Booktubers, redes sociais e plataformas de lectura nos teléfonos móbiles están xa a mudar radicalmente os hábitos de lectura dos nosos adolescentes. E se a sociedade está a transformarse tan vertixinosa, sen apenas darnos tempo a que nos decatemos, a literatura non vai saír indemne de todo isto.


Ningún comentario:

Publicar un comentario