28.2.11

Un gato que escribe e recita poemas


Un gato cun aquel de toleirán, apaixonado pola poesía, foi, aínda que pareza incrible, quen me axudou a escribir o meu novo libro O meu gato é un poeta.
Debo confesalo porque non todo o mérito é meu. Miaña como un auténtico vate, e, coma todos os gatos, enreda e xoga, pero coas palabras. É un malabarista, un equilibrista das palabras, e sabe facer versos divertidos coma ninguén. Así naceu, hai xa varios anos, O meu gato é un poeta, que esta semana ve a luz nas librerías, nun parto un tanto animal e, desde logo, profundamente felino.
E, para seguir confesando as axudas que as persoas (ou animais) xenerosas me prestaron, debo dicir que Xurxo Souto me acompañou no delirio, ensinándome a miañar de verdade, e poñéndolle música aos poemas do gato, o que fixo posible que gravásemos un disco, tamén moi felino, en Casa de Tolos.
Polo demais, o gato ten unha web na que, dalgunha maneira, o libro continúa, porque moitas das páxinas dos poemas que escribiu o meu gato remiten a esa web. Pero só se pode entrar cun contrasinal que vén no libro. É cousa do meu gato, é que moi reservado. E eu, con cara de mico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario