Agora que rematou a primavera (aínda que non o pareza), esa época en que porenizan os textos, espallándose co vento para reproducirse, gustaríame facer un comentario con respecto á capacidade de influencia que a estricta aplicación da norma ten sobre os/as redactores/as, os/as escritores/as, os/as correctores/as e, en xeral, sobre todas as persoas que empregamos a palabra escrita no noso oficio. Lembro épocas da nosa historia recente en que as series da TVG se enchían de repente, por exemplo, de «nonsis» que, logo de invadilo todo co seu manto primaveral, desaparecían radicalmente do planeta terra. Curiosamente, nos últimos tempos, observo unha chegada masiva de volvoretas porenizadoras, que se pousan sobre os textos e, estendendo as súas finas e longuísimas linguas, van deitando «poréns» aquí e alí, inzándoo todo coa súa limpa e decidida porenización. Menos mal que a primavera, como todas as estacións, tamén rematou.
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.