12.10.07

Gremlins

O deserto é enorme. Descomunal. Ten o corpo oco da soidade. Todo igual, pero fermoso. Claro que é un lugar demasiado duro para vivir. Estabamos de viaxe polo deserto e aquel día percorreramos os Chotts, grandes chairas de area e sal onde se producen espellismos con facilidade. Ao anoitecer chegamos esgotados a un hotel e, coma adoitaba acontecer a esas horas, facía moita máis calor dentro da edificación que ao aire libre. Ademais, o chan do hotel, de cemento, estaba ateigado de centos de cascudas que aparecían por todas partes debido á calor.
Xa que logo, sacamos os metálicos das camas para o exterior e decidimos pasar a noite ao raso, baixo as estrelas. A verdade é que poucas veces durmín mellor na miña vida. Pero a sorpresa levámola cando espertamos coa primeira luz, que batía forte sobre nós, ás seis da mañá. Alí estaban, arredor das nosas camas improvisadas, espreitándonos cos seus ollos brillantes e as súas orellas diminutas e puntiagudas. Parecían gremlins, tan pequenos e divertidos, con aquel rostro extremadamente simpático. Eran os raposos do deserto. Aquela foi a primeira e a última vez que os vin.

Ningún comentario: