Amosando publicacións coa etiqueta Aí fóra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Aí fóra. Amosar todas as publicacións

21.5.23

«Aí fóra», unha historia de ficción escrita en Instagram ao longo de 4 anos


O 9 de febreiro de 2019 comecei a escribir unha historia en Instagram. Fíxeno nunha conta privada, con moi poucos seguidores e sen darlle ningún tipo de difusión. Quería escribir con acougo, unicamente cando me apetecese e sen ningún obxectivo premeditado. Xa escribira Estado de malestar en Twitter e non quería volver a sentir ningún tipo de presión.

Baixo o título de Aí fóra, o relato está construído a partir dos monólogos que describen a evolución do estado de ánimo dunha muller confinada, afogada, pechada tras unha velux. As fotos a partir das que escribín a historia son todas reais, responden a unha sucesión cronolóxica, non teñen ningún tipo de filtro e están feitas desde o cuarto de baño da miña casa.

En marzo de 2020, sen pretendelo, o sentido da miña historia mudou radicalmente. A chegada da pandemia fixo que relatar a situación e o estado de ánimo dunha muller confinada se puidese interpretar doutro xeito, non só por parte das poucas lectoras e lectores que me seguían, senón tamén por min mesmo, como escritor, porque me rodeada unha realidade incerta na que o mundo enteiro estaba confinado. Non teño ningunha dúbida de que a partir dese momento a realidade cambiou o meu xeito de relacionarme coa historia e co personaxe. Creo que non me equivoco se digo que a realidade empequeneceu a ficción. E, desde logo, mudouna. Ignoro se para ben ou para mal.

 En todo caso, seguín escribindo, aos poucos, sen présas, ata o día exacto en que se cumpriron catro anos do incio da historia: o 9 de febreiro de 2023. En determindado momento do derradeiro ano de escrita, decidín facer pública a conta, que anteriormente era privada. Pero o máis importante é aclarar que en 2022 sucedeu algo que me obrigou a poñerlle fin á historia, que precipitou o remate. En ningún momento revelei na historia o que sucedera, pero quedaba patente tanto nas fotografías (de xeito moi evidente) como no texto (onde apenas estaba suxerido). O que aconteceu foi que se produciu a corta da árbore que estaba fronte á miña casa e que eu fotografaba desde a velux do cuarto de baño: un fermoso carballo.

Nas seis derradeiras imaxes, a árbore xa non existía. En total, relatei a historia ao longo de catro anos e de 60 post de Instagram coa súas respectivas imaxes. Desde o principio, a realidade actuou de xeito que condicionaba a ficción, aínda que, envidentemente, non tanto como nos últimos meses, cando a poda do carballo marcou completamente a historia e precipitou o final. Nese intre foi cando decidín poñerlle fin ao relato en canto se cumprisen os catro anos, porque a ausencia da árbore e baleiro do ceo non me permitían unha establecer relación lóxica e anímica entre o texto e a imaxe, é dicir, entre a protagonista e o castiñeiro.

En todo caso, foi unha experiencia de escrita francamente interesante, natural, moi pouco planificada, na que a realidade marcou o ritmo da ficción e na que o diálogo literario se estableceu sempre en función das imaxes.

7.4.20

O ilusionismo da literatura

A ficción ten unha capacidade extraordinaria para axudarnos a entender o mundo. Non só nos traslada vivencialmente, coma nun truco de ilusionismo, a calquera lugar ou circunstancia do pasado ou nos fascina coa súa facultade de servirnos diante dos nosos ollos  que non somos capaces de ver do presente, senón que, ademais, atesoura o vigor imprescindible para presentar situacións ou circunstancias que poden ter unha enorme proxección de futuro. E iso non quere dicir que as escritoras ou escritores sexamos visionarios nin teñamos unha maior capacidade que o resto dos humanos para intuír ou adiviñar un tempo que aínda non chegou, senón que a forza da creatividade reside en que a palabra nos dota de ferramentas extraordinarias para recrear situación que, en moitos casos, poderían ser consideradas anticipatorias.

Estes días, eu mesmo, non deixo de sorprenderme do que escribía en Instagram en marzo do ano pasado. En febreiro de 2019 iniciei, en absoluto e consciente silencio, desde unha conta de Instagram, un proxecto literario en rede (tal e como fixera anteriormente con Poétic@ ou con Estado de malestar) titulado Aí fóra no que unha voz feminina vai dando conta do seu estado de ánimo durante un encerro, prolongado e enigmático e bastante distópico. Hai un ano, eu publicaba en Instagram textos coma este, do 21 de marzo de 2019:

«Se cambio de posición, semella que a árbore medra e, aínda que pareza ridículo, éncheme de esperanza. Confío en que o tempo me rescate desta prisión na que confundo o paso dos días. Confío en que a primavera faga agromar esta árbore chamada carballo. Carballo. Que palabra tan ateigada de sabores. Carballo. Lamentablemente, o encerro fai que xa me custe pronunciar e mesmo recoñecer as palabras, pero esta é a única á que me aferro hoxe na miña realidade, e tamén a única, tanxible, que designa a vida»

ou coma este, do 31 de marzo de 2019:

«Estaba no certo! Nas pólas da árbore agroma a miña esperanza. Hoxe o ceo está azul e sinto dentro unha forza que pensei que perdera. Abráiame que a luz de aí fóra teña aínda esa enerxía para alimentarme a alma. Do outro lado desta Velux ronda ameaza e a morte pero tamén reside o único chaleco salvavidas ao que me podo asir. Aquí dentro, neste esquecido refuxio, non fago máis que consumirme»

ou coma este, do 14 de abril de 2019:

«Estes días fantasmagóricos lémbrame o cheiro dos hospitais, eses lugares onde a realidade se desdebuxa baixo a bandeira da indefensión. E hoxe devecería por pisar cos meus propios pés o chan dun deses lugares onde a loita contra a morte me faría sentirme viva e onde cada minuto sería unha enorme conquista. O tempo dicta titánicamente a perspectiva dos nosos desexos, das nosas expectativas»

Escribín sobre esta historia ata o 22 de agosto do ano pasado e logo non volvín sobre o proxecto, por falta de tempo e, sobre todo, por falta de capacidade para concentrarme no que estaba a facer. O pasado 22 de marzo, logo de reler –abraiado, confésoo– o que escribira daquela, retomeino, interpretando, eu mesmo con outros ollos, o sentido dese labor literario. Como dixen antes, os escritores e escritoras non temos ningún tipo de potestade nin autoridade sobre os demais para debuxar o futuro, pero a creación literaria ten esa grandeza incógnita de rachar fronteiras, de crear contextos e situacións que, ás veces, poden semellarnos inimaxinables.