Foro de Fervenzas Literarias (4)
Escollo hoxe a derradeira reflexión para Cabrafanada do encontro que mantiven en decembro con lectores e lectoras de Ninguén, respondendo ás preguntas que me facían. En xaneiro, mantiven outro intenso debate virtual cos lectores do meu libro no Club de Lectura Virtual «Falemos de Lecturas».
—Pois eu creo que ainda que teñamos o "noso" móvil, o "noso" ipod ou o "meu" portátil nunca houbo ata o de agora tanta comunicación entre as persoas. Eu podo contactar hoxe en día con amig@s no estranxeiro que antes seguramente non podería polo costo da telefonía fixa, por poñer un exemplo.
Non queres facer xuizos de valor sobre isto pero creo que en Ninguén si que hai unha certa desafección sobre todos estes aparellos, ainda que seguro ti tamén os utilizas. Selena
—Intentarei explicarme mellor, porque é certo que é contraditorio (a nosa sociedade é así) e pode parecer confuso. Claro que é verdade que estamos mellor comunicados que nunca. Iso é innegable e, desde o meu punto de vista, constitúe unha bendición. Sempre e cando, claro, que o uso que se lle dea sexa o apropiado. Se todo isto serve para que a cidadanía poida expresarse, relacionarse e comunicarse con liberdade e fluidez, excelente. Se serve para que o poder ou os chamados «mercados» (eufemismo dos multimillonarios do mundo) exerzan un control feudal sobre a cidadanía con novas formas e xeitos tan invisibles que apenas nos decatamos, entón debemos ser extremadamente cautos e poñelo ao descuberto. Eu estou a favor das novas tecnoloxías. Sempre o estiven. Creo profundamente no progreso, pero con ollos críticos. Loxicamente, non se trata de adorar o progreso de seu, senón de que se convertelo nun ben social común con carácter nivelador.
A tecnoloxía facilítanos a vida, que hoxe xa sería impensable sen correo electrónico; sen internet. O meu propio traballo como escritor sería moi fatigoso sen google, recoñézoo. E eu tamén me comunico frecuentamente con persoas que están fisicamente lonxe cunha fluidez impensable hai 15 anos. É unha verdadeira sorte.

Ora, non sei se hai desafección deses aparellos no libro. Se a percibes, é que a hai. Seguro. Pero se a hai, non é miña. É do narrador, que son somos a mesma persoa.
Entón, a ver, que isto é difícil de expresar: a miña visión do mundo está en «Ninguén», sen dúbida. E a miña visión é política, porque calquera visión do mundo o é. Ademais, a miña visión é moi política porque eu lle dou unha importancia crucial á ideoloxía. E iso é inevitable en min. Ora ben, cando digo que eu non quero «facer xuízos de valor» o que quero dicir é que parto sempre dunha actitude de respecto pol@s lector@s. Eu creo profundamente no papel do lector ou lectora para interpretar, analizar, xulgar e sacar as súas propias conclusións, que non teñen por que coincidir coas miñas. En resumo, que non me gusta adoutrinar. Se no libro está a miña ideoloxía presente, non quero impoñerlla a ninguén. E cando escribo, evito iso. Esa non é a miña misión como escritor. Tal e como concibo eu a literatura, eu quero provocar inquedanza, comellón, reflexión, sorrisos, rexeitamento ou identificación. Pero non quero transmitir dogmas de fe. Só historias humanas, quentes, maleables, tan humanas que se sintan na pel. Estou convencido de que as persoas que len o agradecen. Eu nunca digo cal é o camiño. Só ensino o/s camiño/s que vexo. Eu mesmo, na miña vida cotián, son pouco doutrinario. Ou, cando menos, trato de non selo. Ora, nunca renuncio a unha visión política do mundo, que está conformada por moitas miradas; iso si, ás veces diverxentes, ás veces contraditorias (eu tamén son contraditorio), ás veces interferidas e, case sempre, tanxenciais.
Por outra banda, cando escribo, eu non son Sara. Só trato de poñerme na pel de Sara. Eu non son S. Lonely, pero coñezo xente que se parece moito e intento caracterizar a esas persoas. Eu non son Alone, pero, cando escribo, intento vivir e sufrir coma ela. Tampouco me parezo ao personaxe de Veciños, pero coñezo xente que si se parece e ás veces, en conversas persoais, transmítenme como se sinten. Eu, como escritor, procuro ter bos oídos. Para escoitar o mellor que poida. Se cadra parézome un pouco máis ao escritor do derradeiro relato, pero nin sequera son eu. Só me parezo algo. O narrador que emprego en cada caso (que son moi distintos entre si), e que sempre tenta mergullarse na pel dos distintos personaxes, é o que pode sentir esa certa desafección da que falas. Eu, creo que non.
Espero que che aclarase algo.
Grazas e un saúdo
Fran Alonso
Ningún comentario:
Publicar un comentario