3.2.12
Conducen as novas tecnoloxías ao individualismo?
Foro de Fervenzas Literarias (3)
Aínda tiña pendente reproducidr en Cabrafanada as dúas últimas reflexións que escollín sobre o encontro que mantiven durante uns días con lectores e lectoras de Ninguén, no mes de decembro, na web de Fervenzas Literarias. Vai a penúltima.
—Eu quería preguntarche polo tema da soidade en Ninguén, que é un tema moi frecuente ao longo do libro. Ademais é paradóxico que apareza o tema da soidade nunha contorna urbana, polo contraditorio que poida parecer. Unha soidade que incluso vai ser kafkiana, como sucede no relato Ninguén, para min o mellor conto de todos.
Moitas grazas.
—Ola Carme:
Antes de nada, grazas; é un pracer que che gustase «Ninguén».
Eu, con «Ninguén», pretendía espir as contradicións da sociedade urbana contemporánea e tamén, xa o dis ti, os seus paradoxos. Non se trataba tanto de explorar a soidade dos individuos, como un concepto global, puro, e o que iso provoca na nosa personalidade (isto é algo que está máis presente en «Males de cabeza«), senón, sobre todo, en poñer de relevo como as sociedades post-industriais e a irrupción das novas tecnoloxías nas nosas vidas supoñen un camiño acelerado cara unha sociedade onde o individualismo, que xa era un valor en alza, se ve moi reforzado polos cambios. Quero dicir, que a soidade non responde tanto a que as persoas nos sintamos soas fronte ao mundo senón, sobre todo, a que no tipo de sociedade que estamos a construír a soidade é unha circunstancia inevitable que hai que pagar a favor do individualismo.
O cambio nas relacións humanas, que xa non se realiza necesariamente nun ámbito de inmediatez ou proximidade xeográfica (na sociedades precedentes as persoas relacionábanse en primeira instancia cos seus veciños e agora xa non), a introdución do uso xeralizado do ordenador e da rede como tecnoloxía da comunicación (eu fronte á pantalla), e o destino individualizado e persoal que teñen os aparellos tecnolóxicos (o teléfono móbil xa non é o da casa: é o meu; a música xa non é a do equipo: é a do meu mp3 que escoito con cascos; a biblioteca xa non vai ser á da casa: vai ser a do meu ebook; a pantalla principal xa non é o do televisor: é a do meu portátil...) son elementos que definen unha produción tecnolóxica que fomenta aínda máis o individualismo e, daquela, tamén a soidade, na medida en que cada vez compartimos menos co noso entorno e somos máis «eu» e menos «nós». Sen dúbida, todo isto está a mudar, case sen que nos decatemos, os nosos hábitos e estilos de vida.
En calquera caso, eu trato de non facer xuízos ao respecto, deixando que as lectoras e lectores fagan as súas propias valoracións. Para min é moi importante respectar a autonomía de quen está lendo o que escribes. Eu só trato de provocar a reflexión en torno ao que observo, que é o cultivo biolóxico da miña ficción. Por outra parte, «Ninguén» aborda tamén esa circunstancia da veciñanza como un corpo estraño, descoñecido, moitas veces tamén agresivo, sentido como alleo, e no libro emprego a Comunidade de Veciños e o edificio como metáfora dese «novo mundo» no que a práctica e o coñecemento da relación comunal está en vías de extinción. Evidentemente, nun contexto así estamos, inevitablemente, máis sós.
O paradoxo está precisamente en que en entornos superpoboados (os urbanos) e con tecnoloxías da comunicación fascinantes (a rede, os móbiles, etc) a soidade teña maior presenza ca nunca na sociedade.
Espero terche contestado.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario