5.4.11

Homens da Luta, volve o espírito de abril a Portugal?

A través do blog Querquellequer descubrín hai un par de semanas este fantástico vídeo de Homens da Luta, un tema combativo («E o povo, Pá?») para estes duros tempos de crise.

A banda está liderada por Neto e Falâncio, e son os candidatos portugueses á Eurovisión este ano, grazas á votación do público, e punto de remate habitual das movilizacións contra os recortes da crise. Constitúen unha especie de reencarnación do espírito dos Cravos, tematicamente actualizados para estes tempos de globalización financeira. Teñen un único disco editado, titulado A cantiga é uma arma (2010).



En 2009 foron detidos pola policía por interromper a toma de posesión do primeiro ministro socialista José Sócrates e anteriormente levaran a cabo múltiples accións semellantes. En 2007, como se pode ver no segundo vídeo, invadiron por sorpresa un plató de televisión onde se emitía un programa en directo, ante a desesperación do presentador. Algo semellante fixeron nun partido da selección portuguesa, sempre baixo o lema de «a luta continua».

Outra das súas accións foi replicar á canción «Parva que eu son», de Deolinda, un grupo de música tradicional portuguesa, con outra canción, que difundiron pola rede, titulada «Que esperto que eu sou». Curiosamente, a de Deolinda tamén era dunha canción crítica coa problemática social das xeracións máis novas en Portugal.

Este ano 2011 foron vencedores do Festival da Canção co tema «A luta é alegria». Como pode verse no terceiro vídeo, os Homens da Luta están a se converter en verdadeiros símbolos da loita contra a crise e do espírito da conciencia cívica en Portugal. Unha especie de recuperación do espírito de abril, aínda que tamén reciben críticas e acusacións de facer demagoxia. Unha desas críticas procede do xornalista e escritor Miguel Sousa Tavares, un supervendas en Portugal, de quen eu lin un par de libros (No teu deserto, novela moi digna pero un tanto espiritosa que conta unha viaxe por Alxeria semellante a outra viaxe que fixen eu en 1985, e Ismael e Chopin, un relato infantil). Sousa Taveres, que é un escritor contrario ás redes sociais, declarou que «os demagogos aparecem sempre nos momentos de crise» e que «as cousas non se resolven na rúa». En calquera caso, a resposta non se fixo esperar, e os Homens da Luta xa sacaron hai unhas semanas unha canción para satirizar o escritor. O seu espírito combativo é imparable.






.

Ningún comentario:

Publicar un comentario