O meu blog, Cabrafanada, cumpre dez anos. Cun nome procedente da toponimia galega (Cabra Fanada é un tópónimo rexistrado no Val do Tamuxe) este blog foi creado en novembro de 2003 en Blogger, onde permanece na actualidade. O meu perfil dá conta da súa data de creación. Desde aquel día de novembro en que naceu Cabrafanada, bastante a cegas, cando os blogs eran aínda unha estraña anécdota no ciberespazo galego e había que manexarse en linguaxe html e nun inglés técnico, daquela bastante extravagante, para conformar o seu deseño, ata hoxe, o ciberespazo mudou de xeito considerable.
Aos tres anos do seu nacemento, os blogs avanzaban incansablemente. Cando Cabrafanada cumpriu os 5 anos, algo mudara considerablemente a nosa relación coa rede: a aparición de Youtube (creado en 2005), que propulsou un novo xeito de entender a comunicación web. Logo, os blogs foron popularizándose e o seu acceso foi facéndose cada vez máis sinxelo e cotián. Tamén chegaron os readers ou sindicacións RSS (o de Google chegou, arrasou e desapareceu) que facilitaron considerablemente o seguimento das fontes máis interesantes. E tamén chegaron as redes sociais (Twitter, Facebook e Tumblr no 2007) e volveron cambiar a nosa relación coa web, que se fixo moito máis dinámica e participativa, relegando os blogs, en boa medida, a un segundo plano.
Aproveitando o seu potencial, construín a miña propia (e complexa) web con recursos gratuítos de socialización de contidos, aínda que a día de hoxe está desfasada debido aparición de dispositivos de lectura multiplataforma e a renovación das tendencias no deseño. Hoxe, os blogs están nun segundo plano xa que a súa lectura depende en boa medida da difusión dos seus contidos a través das redes sociais, máis inmediatas, rápidas e dinámicas. Con todo, hoxe por hoxe, os blogs fornecen contidos ás redes sociais, son unha das súa principais fontes de alimentación e, sen eles, perderían moito na profundidade dos contidos. A maiores, os blogs continúan a ser un fantástico arquivo documental.
Malia que creei e deseñei o meu blog Cabrafanada en Novembro de 2003 a miña primeira anotación lanceina o 5 de xaneiro de 2004. O seu lanzamento tivera bastante impacto e a noticia fora recollida en varios medios de comunicación. Certo é que Cabrafanada nunca foi unha bitácora regular. En determinados períodos absorbeume con máis intensidade e noutros períodos presteille unha atención despreocupada. Desde logo, nunca quixen converterme nun esclavo do meu propio blog, pero tamén recoñezo me proporciounou momentos moi graticantes e, sobre todo, que me abriu a portas a outra dimensión do coñecemento e da comunicación. Ao longo destes dez anos relicei 809 anotacións, o que dá unha media de 80 por ano. Cabrafanada mudou varias veces de aspecto, de deseño, tentando evolucionar, incorporarse aos cambios, sen aletargarse. Pero ás veces adormeceu.
Pero o máis importante, o que eu máis valoro destes dez anos de Cabrafanada é que para min se converteu na miña persoal testemuña dunha década intensa, dun tempo vertixinoso, cheo de cambios, de incertezas, de dúbidas e de emocionantes descubrimentos ao abeiro da progresión tecnolóxica; converteuse en testemuña dun tempo apaixonante, tanto que descoñezo absolutamente a onde nos pode conducir. Quen me dera poder estar aquí dentro de cen anos para comprobalo!
En calquera caso, eu trato de ser optimista por natureza, confío na humanidade e teño a certeza de que avanzamos cara adiante, cara un mundo cada vez mellor, malia que neste momento vivamos un retroceso brutal, contra o que debemos rebelarnos. Pero a poderosa e opulenta minoría que hoxe oprime á maior parte da humanidade debe saber que non se pode ir contra o progreso comunal, contra a razón, contra a liberdade, contra a xustiza social, contra a maioría. A opresión nunca dura indefinidamente. Os tempos serán chegados.
Moitísimas grazas a todas as persoas que o seguiron durante toda unha década. Moitas grazas aos meus lectore e lectoras, que fixeron posible que este blog exista. Cabrafanada sigue adiante. Coma ata o de agora.
Parabéns por seguir aí ...no analóxico e no dixital!
ResponderEliminarI per molts anys!!! Una abraçada,
ResponderEliminarMoitas grazas a vós. Amador, ti es compañeiro de viaxe desde o principio!
ResponderEliminar