«O Culturgal é moito máis que unha Feira das Industria Culturais Galegas; é unha auténtica inxección de moral para o país». Iso dicíao eu nun tuit que lancei hai un par de semanas. Sen dúbida ningunha, o Culturgal ten xa un valor simbólico que sobrepasa as dimensións dunha simple feira das industrias culturais co único cometido de vender a nosa produción máis creativa. A maiores de constituír un escaparate e un importante punto de venda dos nosos produtos culturais, o Culturgal é un lugar de encontro, de intercambio, un referente e un verdadeiro estímulo para as persoas que cremos na cultura galega e no seu enorme potencial.
No Culturgal cabe todo, menos o derrotismo. O máis impresionante do Culturgal é que podemos observar con abraio todo o que produce culturalmente este país (perdón pola expresión, porque realmente non está todo, só unha parte importante) e sorprendernos coa enorme capacidade dos nosos creadores e creadoras e coas valiosas e incombustibles iniciativas culturais que se emprenden, de xeito incansable, desde a cidadanía. E iso, malia termos unha nación desgobernada, envellecida e con escasa capacidade de autoestima, que non dá xerado unha cantidade de público en consonancia coa cantidade e a calidade da oferta. O Culturgal é un fermoso e subversivo laboratorio de ideas, de iniciativas, de proxectos, de historias, de palabras, de personaxes que proceden do ámbito da literatura, da música, do audiovisual, do espectáculo, das tecnoloxías, do asociacionismo, do teatro, da danza, da comunicación...
Por iso o Culturgal é unha inxección de moral para o país. Eu, desde logo, non podo sentir máis que fachenda por todo o que este pequeno lugar chamado Galicia é quen de producir desde a cultura. Por iso discrepo do espírito da anotación que publicou Gracia Santorum, co título «Inxección de moral», no seu excelente blog Trafegando ronseis. Gracia parte do meu tuit para establecer unha reflexión chea de desalento sobre a situación da lingua galega. Non se trata de que eu non coincida con ela (que é unha persoa con criterio) na súa preocupación polo futuro da lingua. Coincido, sen dúbida. Co que non coincido é co feito de que se vencelle ou se valore o Culturgal por un cometido que non é o seu (o da normalización lingüística). E, así e todo, teño a seguridade de que o Culturgal contribúe, indirectamente e moito, a prestixiar a nosa lingua a través da cultura.
O Culturgal é unha conquista da cidadanía galega (non debemos aforrar esforzos para afortalar o seu futuro, cada día máis sólido) e valoralo desde unha conciencia derrotista non lle fai favor ningún á nosa cultura. Pola contra, o derrotismo é unha arma perigosísima que se instrumentaliza desde o poder para conseguir a esgazamento moral dos que traballamos a favor do país. Hai séculos que é así. A derrota moral e sempre é previa á derrota total. Eu, xa que logo, non me deixarei abater por un espírito derrotista que só nos prexudica. É certo que ás veces é preciso dar a voz de alarma e tamén o é que, ás veces, certo derrotismo serve nalgúns foros para aguilloar, para avisar, ou sensibilizar, como estratexia. Eu mesmo fíxeno nalgunha ocasión. Pero, afortunadamente, o camiño que nos ensina o Culturgal é o do triunfalismo (o da euforia de reafirmarnos ante a excelencia cultural que produce unha cidadanía se cadra minoritaria, pero dinámica, imaxinativa e activísima), que é unha estratexia moito máis acaída e certeira non só para protexer e difundir a nosa cultura senón para a súa perpetuidade no tempo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario