A recuperación de Galician Tunes é unha boa noticia para a
proxección exterior da cultura galega. Digo recuperación porque Galician Tunes
foi unha iniciativa creada desde o
goberno bipartito para exportar e poñer en valor a música galega no mundo, algo
que ninguén parece lembrar. Logo, co PP chegou o Conselleiro máis cosmpolita do
universo (aquel que, oh!, viña de Nova York e quería "modernizar" a
cultura galega) e fixo desaparecer o Galician Tunes que agora recupera de novo,
e por fin, AGADIC. Pero non foi unicamente a web Galician Tunes o que o PP destruíu
do traballo realizado polo bipartito a favor da visibilización internacional da
nosa cultura. Tamén fixeron desaparecer dúas plataformas web multilingües que daban a coñecer a literatura galega no
mundo, borradas sen contemplacións coa chegada do
Conselleiro "cosmopolita".
Pero a máis grave implicación da política cultural exercida por aquel conselleiro
"cosmpolita", que herdou con sumo pracer e agudizou o Conselleiro actual, non está na eliminación de plataformas web máis ben acertadas senón na sistemática negación dun feito moito máis profundo: a negación da filosofía e do valor constatable de que a
cultura galega ten un potencial enorme, que é posible poñer en circulación no mundo
(como fixeron os cataláns) e que podería xerar importantes beneficios económicos
para o país. Pero hai tempo que
resulta evidente que o PP de Galicia, ao que se lle desmontou o negocio do ladrillo, non só non cre na cultura
que o sustenta senón que a contempla con esa desconfianza paleta que lle concede a
ignorancia. Ademais, onte o ministro Wert, dándolle unha sucia patada cos seus
zapatos de charol ao programa ERASMUS, deixounos moi claro cal é o concepto
"cosmopolita" que o PP defende en todas as partes da educación e da cultura.
Tant que costa aixecar aquest tipus de projectes i què fàcil és fer-los desaparèixer! Quina pobresa la dels governs que descuiden la projecció de la pròpia cultura com a inversió!
ResponderEliminar