31.5.16

As balizas do frío

Hai uns meses, a asociación TEAVI (Asociación de Trastornos de Espectro Autista de Vigo) publicou unha guía que merece todo o meu aplauso: Estratexias de inclusión educativa para o alumnado con TEA. O libro pode ser descargardo en pdf na web da asociación. A súa autora é de M. Cristina Chao Polo, e colaboraron con ela Fabien Gallié Morigny, María Pacín San Luis, María Rey Martínez e Marta Rodríguez Márquez. A portada é de David Pintor e eu tiven a honra de escribir o limiar. Digo a honra porque participar nun libro deste tipo é sempre unha honra, pois significa ter a oportunidade de apoiar unha desas causas que, de verdade, pagan a pena. Daquela, vaia por diante o meu agradecemeno a Cristina e Fabián por permitirme compartir con eles unhas palabras.

Estas son parte das que escribín: «Este libro ten a agarimosa quentura da luz. Esa que nos ofrece unha ollada morna e próxima e, sobre todo, metodolóxica sobre os nenos e nenas que habitan no corazón do frío, alí onde as xélidas sombras ameazan con solidificar. Un poeta catalán denominounos 'inquilinos do xeo', aos cativos que padecen autismo. Non é casual que fose un poeta quen o fixese. Nada pode chegar aos abismos do cerebro con tanta certeza como a poesía. A poesía transmite verdades neuronais coa contundencia da noite inmensa.»... 
Non continúo. Quen queira, pode continuar a lectura no propio libro.

Teño a seguridade de que nada enriquece máis a unha clase enteira de rapazas e rapaces que convivir cun neno ou nena autista con plena normalidade para eles. Ambas as partes se benefician dese feito, unha produtiva convivencia que os dota de sensibilidade, de capacidade de entendemento, de comprensión e de solidariedade. Xa que logo, esta guía constitúe unha magnífica proposta metodolóxica para o profesorado e para todas aquelas persoas que traballan cos trastornos de espectro autista. Parabéns e moita forza para todxs!




26.5.16

«Contrafaces», mañá ás 22 horas no Auditorio do Concello de Vigo

Mañá, venres 27 de maio, proxéctase no Auditorio do Concello de Vigo, no Festival Primavera do Cine, o documental Contrafaces, dirixido por Fon Cortizo e centrado na voz poética de Elías Knõrr e Erin Moure, no que tiven o pracer de participar xunto con Iolanda Zúñiga.

Contrafaces Teaser from Fon Cortizo on Vimeo.

Sinopse

Fon Cortizo / 75′ / 2015
 
Unha poeta inicia unha viaxe interior ao descubrir que algúns dos seus poemas xa foran escritos en outros idiomas por un poeta islandés e unha poeta canadiana. A canadiana Erin Moure descubriu ás súas orixes galegas hai 20 anos o que rematou por cambiar a súa vida e a súa poesía. En Islandia, Elías Knõrr é un recoñecido poeta. Durante anos conseguiu manter oculta a súa identidade, agora explora novos camiños de creación.