7.4.17

«Estado de Malestar» remata dentro de 12 días, ao chegar a 140 chíos en Twitter

O proxecto literario que comecei a finais de novembro de 2016 en Twitter baixo o título de Estado de Malestar chega á súa fin; rematará dentro de 12 días, ao alcanzar os 140 chíos publicados. Desde xeito, o xogo dos 140 caracteres diarios compleméntase co xogo dos 140 micropoemas. Logo de case cinco meses de pulsión diaria coa literatura, Estado de Malestar coñecerá o seu punto final coa publicación do derradeiro micropoema o martes 18 de abril. A min, persoalmente, quédame a satisfacción de ter explorado un novo terreo literario, e teño o convencemento de que moi axeitado para novas formas de expresión poética. Xa comentei a principios de febreiro en Cabrafanada a forma en que eu estaba a vivir e percibir esta nova experiencia literaria na que, desde logo, pódense atopar un feixe de enfoques moi diferentes entre si ao longo destes 140 micropoemas. Eu deixeinos convivir todos. Puiden corrixilo, puiden reorientar, puiden optar por algunha das diversas liñas que se foron apoderando da miña escrita, pero non quixen. Entendín que era unha primeira experiencia e que debía deixar que se manifestase tal e como fluía dentro de min, coa amplitude e naturalidade do líquido que se expande.

Pero se de algo estou bastante convencido neste momento en que teño o punto final ao alcance da  man é de que os textos que publiquei, no seu conxunto teñen unha profunda vocación interxenérica e resaltan pola súa mestizaxe literaria dado que botan raigames en textos de moi distinta fasquía, carácter e intencionalidade. Diso estou plenamente certo. Se cadra, estamos –non por min nin polo que eu fago, senón polo que determina Twitter co seu formato– ante un novo xénero literario, xénero que pertence á e-literatura e que vai ter un longo percorrido. Diso xa non estou plenamente tan certo, pero é probable. En calquera caso, tampouco me preocupa demasiado. O importante é a escrita, de seu, e o propio proceso creativo nun entorno novidoso.

Este foi o meu Estado de Malestar. Van 130 micropoemas publicados e dentro de dez días o libro –por suposto que se trata dun libro, aínda que non sexa en formato papel, diso non teño dúbida ningunha– estará rematado. Desde aquí quero mostrar o meu agradecemento a todos os lectores e lectoras de Estado de Malestar –pasados, actuais e mesmo futuros– e a todas as persoas que o seguiron, comentaron, compartiron, opinaron, leron ou mesmo –se os houbese– desprezaron. Porque o criterio se conforma coa opinión de toda a xente. Grazas!