Pero se de algo estou bastante convencido neste momento en que teño o punto final ao alcance da man é de que os textos que publiquei, no seu conxunto teñen unha profunda vocación interxenérica e resaltan pola súa mestizaxe literaria dado que botan raigames en textos de moi distinta fasquía, carácter e intencionalidade. Diso estou plenamente certo. Se cadra, estamos –non por min nin polo que eu fago, senón polo que determina Twitter co seu formato– ante un novo xénero literario, xénero que pertence á e-literatura e que vai ter un longo percorrido. Diso xa non estou plenamente tan certo, pero é probable. En calquera caso, tampouco me preocupa demasiado. O importante é a escrita, de seu, e o propio proceso creativo nun entorno novidoso.
Este foi o meu Estado de Malestar. Van 130 micropoemas publicados e dentro de dez días o libro –por suposto que se trata dun libro, aínda que non sexa en formato papel, diso non teño dúbida ningunha– estará rematado. Desde aquí quero mostrar o meu agradecemento a todos os lectores e lectoras de Estado de Malestar –pasados, actuais e mesmo futuros– e a todas as persoas que o seguiron, comentaron, compartiron, opinaron, leron ou mesmo –se os houbese– desprezaron. Porque o criterio se conforma coa opinión de toda a xente. Grazas!


Ningún comentario:
Publicar un comentario