27.12.17

Manuel Moldes, a coherencia radical dun artista singular

O pasado mes de novembro faleceu Manuel Moldes, un dos pintores ligados á xeración de Atlántica e un artista plástico coherente cunha obra sólida que partiu sempre dunha vocación de renovación. Coñecino a principios dos anos 90, cando recibiu un importante recoñecemento na Bienal de Arte de Pontevedra. Entrevisteino, daquela, compartindo un café na Alameda. Case trinta anos despois, recupero a entrevista.



Manuel Moldes: «a eclosión informativa aínda está sorprendéndome»





 Manuel R. Moldes, con barba de dous días e rostro canso, transmite bondade. Sorprendido aínda polo premio, fala en voz baixa, meditando cada palabra. O galardón forzouno un chisco a olfatear a vida social e móstrase abraiado pola repercusión que o recoñecemento ao seu traballo está a ter nos medios de comunicación. Os cinco millóns de pesetas que o cadro «Home na terra» mereceu na Bienal de Pontevedra concédenlle o pulo necesario para avanzar no seu traballo. Na súa boca lese o desconcerto de quen aínda non se acaba de crer demasiado o acontecido. O que di denota a sinxeleza dun home honrado que confía na soidade do seu traballo.


–¿Como recibiu a nova do premio?
–A primeira impresión foi de sorpresa absoluta porque eu nunca me fixera idea de que puidese recibir premio ningún. A miña intención era simplemente que o cadro fose exposto e fose visto por toda a xente que acode en agosto a visitar a exposición. O premio non entraba nos meus cálculos porque non teño un sentido competitivo da pintura.

–O xurado resaltou o feito de que o seu cadro conxuga tradición e modernidade, de feito o propio título do cadro remite á tradición.
–Desde logo acertaron plenamente porque eses dous conceptos de tradición e modernidade pasaron pola miña cabeza cando o estaba pintando. Na miña última obra de dous anos e pico para acá está presente este concepto e estas son cousas que eu teño en conta á hora de resolver os cadros e á hora de plantealos. O cadro foi comprendido na súa totalidade por quen me concederon o premio.

–Hoxe en día acúsase un pouco á pintura galega de perder o contacto coa tradición.
–Ese é un tema bonito para facer un debate amplo. A miña opinión ó respecto é que efectivamente houbo artistas que se decantaron máis por unha linguaxe á que eu chamo de «internacionalismo light». Se cadra é a resposta dalgúns pintores ó tempo en que estamos vivindo, pero a miña resposta ó tempo en que vivo non é esa. Eu estou a procurar precisamente todo o contrario, estou afondando en camiños interiores para sacar afora aquilo que, conxugado co tempo en que vivo, me permita a procura dunha linguaxe actual e que mesmo tempo teña os seus signos de identidade propia, que non perda esa sensación de «denominación de orixe».

–¿Ten algún mestre en especial na pintura galega?
–A pintura a min interésame toda. En Galicia interésame especialmente a xente do movemento renovador: os Colmeiro, os Laxeiro. Arturo Souto é un dos pintores que máis me gustan. Pero non quero remitirme só á pintura que se fai en Galicia. Creo que hai que estar completamente aberto a todo o que se fai no mundo, á toda a pintura moderna. Con todo, os elementos propios non lle quitan potencia ós cadros nin lle dan localismo senón todo o contrario. Quero pensar nos constructivistas rusos, por exemplo, que cando se ven obras súas nótase que están participando dun momento e dunha situación social determinada, e con todo están marcando as pautas dun movemento moderno.

–¿Síntese cómodo no terreo do expresionismo?
–Si, eu incluso teño unha época anterior dos anos setenta e principios dos oitenta en que os resultados plásticos están moito máis dentro do que podemos dicir que sería o expresionismo como linguaxe pictórica. Neste momento, aínda que esa figuracion non está tan rota, teño unha actitude pola miña parte de non perder esa sensación á hora de pintar.

–Non toda a xente coincide coa selección das obras na Bienal...
–Home, iso é un problema porque non sabemos tampouco que obras quedaron fóra. Cando eu entrego o cadro na Deputación ignoro que xente vai presentar obras e quen vai estar no xurado. Cando decidín, a última hora, presentar o cadro pensei en me esquecer de todo porque sempre hai polémica e controversia en torno á Bienal. Euu estou un pouco canso de todos estes líos e creo que o país precisa dunha maneira de facer as cousas neste tipo de certames, dun estilo.

–¿Daquela coida que a competitividade na Bienal é boa?
–En principio eu non son partidario dos certames-concurso, mais estou comprobando, agora que recibín o primeiro premio, que a xente comeza a preguntar, a eclosión informativa está sorprendéndome e a publicidade de todo isto é positiva para o artista. Pero creo que este concepto de competitividade había que replantealo e procurar unha fórmula mixta.
Ademais, o primeiro día que vin a exposición saín cunha sensación de caos tremendo. Tiven a percepción de que o meu cadro non respiraba ben, de que faltaba espacio. A imaxe que tiven foi a do caos circulatorio pasado á arte.

–Parece que a colocación de obras na sala non é moi acertada...
–Si, ese tipo de cousas non deben suceder. Non é lóxico que á escultura premiada lle poñan un cartel de 40 centímetros enriba da peza, porque se desvirtua completamente a posibilidade de ver a escultura. O meu cadro, por exemplo, entre unha columna do propio edificio e unha escultura que ten diante, carece de perspectiva desde catro metros que é o punto desde o que se debe ver porque é un cadro de gran formato. Esas cousas foron as que me fixeron pensar o día da inauguración que había caos. Por outra banda resulta que me conceden o premio e alégrome, pero hai moitas cousas que non están ben. Eu non quero polemizar no tema, pero habería que buscar unha fórmula para que todo fose máis elegante. Hai que ter en conta que é unha exposición moi visitada e que en Galicia non se fan grandes exposicións ó longo do ano, e as institucións que as fagan teñen que coidalas moitísimo.
A Bienal ten que ser o reflexo daquelas manifestacións artísticas que se están dando na actualidade. Hai que concebir a Bienal tal e como se fan as de Venecia ou París. A Bienal de Pontevedra ten que ser un escaparate para potenciar cara ó exterior os artistas galegos e tamén para ofrecer artistas estranxeiros, xa que nós como galegos tamén temos dereito a disfrutar dos cadros que se están a facer por outros lugares. Se non vas a Barcelona, poucas cousas chegan aquí que teñan rigor e calidade. Daquela hai que buscar unha fórmula mixta para que isto non cree tantos problemas cada ano.

–¿Que opina do nivel de calidade da pintura galega hoxe?
–Eu creo que está nun bo momento, pero tampouco hai que dicir que todo vale. Tamén houbo un momento nos oitenta coa eclosión da plástica galega en que chegado un punto todo valía, todo entraba no saco, e aí perdeuse unha ocasión importante para conseguir unha proxección máis internacionalizada, por facer as cousas sen rigor, por facelas con precipitación. Aínda así, hai individualidades que están no seu sitio, traballando con ritmos propios e tratando de aportar as súas opcións. E hai outra xente que está no concepto do «memicismo», do «internacionalismo light», co cal levei máis dun disgusto.
Venres, 10 de agosto de 1990