22.2.20

Dylan Thomas, a poesía e a lingua

A poesía de Dylan Thomas ten unha forza extraordinaria. En «Cousas do intestino», un relato que forma parte do meu libro Males de cabeza (2001) empreguei versos de Dylan Thomas para construír o relato, un relato, por certo ambientado en Gales. Hai uns días vin a película En el límite del amor (2008), un biopic (por empregar unha palabra de moda) sobre Dylan Thomas, que en inglés se titula The edge of love. A verdade é que a película non me cautivou, pero si que me interesou, como me adoita interesar case toda a filmografía que se centra na vida ou obra de persoas que foron ou son referentes culturais. En todo caso, vina con gusto.
Como se sabe, Dylan Thomas escribiu a súa obra literaria unicamente en inglés. Ignoro se falaba o galés, aínda que na película aparece cantando na lingua de Gales.
Posteriormente busquei unha biografía básica súa na wikipedia. Na galipedia, a wikipedia en galego, dise que «Thomas foi educado exclusivamente en lingua inglesa malia ser o galés a lingua de súa nai». Logo acudín á wikipedia en portugués, onde se di: «Apesar de tanto seu pai e sua mãe falarem galês, tanto Dylan como sua irmã nunca aprenderam a língua e Dylan escreveu exclusivamente em inglês». Finalmente, visitei a wikipedia en español, onde esa cuestión non se menciona. É evidente que a forma en que se aborda e redacta a wikipedia di moito da socioloxía de cada pobo.