
Estas son parte das que escribín: «Este libro ten a agarimosa quentura da luz. Esa que nos ofrece unha ollada morna e próxima e, sobre todo, metodolóxica sobre os nenos e nenas que habitan no corazón do frío, alí onde as xélidas sombras ameazan con solidificar. Un poeta catalán denominounos 'inquilinos do xeo', aos cativos que padecen autismo. Non é casual que fose un poeta quen o fixese. Nada pode chegar aos abismos do cerebro con tanta certeza como a poesía. A poesía transmite verdades neuronais coa contundencia da noite inmensa.»...
Non continúo. Quen queira, pode continuar a lectura no propio libro.
Teño a seguridade de que nada enriquece máis a unha clase enteira de rapazas e rapaces que convivir cun neno ou nena autista con plena normalidade para eles. Ambas as partes se benefician dese feito, unha produtiva convivencia que os dota de sensibilidade, de capacidade de entendemento, de comprensión e de solidariedade. Xa que logo, esta guía constitúe unha magnífica proposta metodolóxica para o profesorado e para todas aquelas persoas que traballan cos trastornos de espectro autista. Parabéns e moita forza para todxs!