O AUTOR


FRAN ALONSO (Vigo, 1963) é escritor, editor e xornalista. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou o seu percorrido laboral no ámbito do xornalismo, no Diario 16 de Galicia e desde abril de 2018 é director da editorial Edicións Xerais de Galicia. É Máster en Promoción da Lectura e Literatura Infantil (2001-2003) pola UCLM e é un dos membros fundadores da asociación Espazo Lectura. Entre 2006 e 2010, ocupou o cargo de vicepresidente da Asociación Galega de Editores. Tamén foi membro da directiva do Pen Club de Galicia. Durante varios anos colaborou semanalmente nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia e posteriormente nas páxinas de cultura do diario El País. Durante dez anos, mantivo unha columna no semanario A Nosa Terra e colaborou en diversos medios en papel e dixitais. O seu blog Cabrafanada é un dos máis antigos en lingua galega que seguen activos.Como escritor, concedéronselle premios como o Blanco Amor de Novela, o Losada Diéguez á mellor obra literaria de 1998, o Rañolas de Literatura Infantil e Xuvenil ao mellor libro do ano, a distinción White Ravens da Biblioteca Internacional de Múnic, ou o Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil do ano.


Toda a súa obra literaria se caracteriza por un desexo de renovación formal e un posicionamento rebelde e inconformista que lle confiren grande solidez e unidade, sexa cal sexa o xénero empregado. O seu labor creativo tamén abarca a ilustración de tres dos seus libros infantís a través do diseño tipográfico ou con base fotográfica.
A súa obra abarca a narrativa, a poesía, a literatura electrónica, a literatura infantil e xuvenil e o xornalismo.

Autor de máis de trinta títulos, como narrador publicou Tráiler (1991), Cemiterio de elefantes(1994), Silencio (1995), Males de cabeza (2001), Cartas de amor (2006), Voces da Groba, voces de Berlín (2010), Ninguén (2011) e A punta de pistola (2013).

Como poeta deu á luz Persianas, pedramol e outros nervios (1992), un libro que a crítica sinalou como un dos referentes fundacionais da poesía dos 90; Tortillas para os obreiros (1996); Subversións(2001), Balada solitaria (2004), Transición (2011); Poétic@ (2015), un libro de literatura electrónica en Internet que aborda a poesía dixital e transmedia, explorando as posibilidades expresivas das novas tecnoloxías na creación literaria a través dun discurso ácido e corrosivo sobre a propia poesía e os seus mitos e tópicos; Estado de Malestar, micropoemas publicados en Twitter (@Tw140Poemas) durante 140 días en 2016/2017; e Terraza (2017). Tamén é autor de Poetízate (2006), unha divertida e desenfadada antoloxía da poesía galega, da que se publicaron 13 edicións.

No ámbito da literatura infantil tamén aborda a narrativa e a poesía. En narrativa publicou a novela O brillo dos elefantes (1999) e o libro de relatos Contos nerviosos (2016). No que respecta á poesía infantil e xuvenil, logo da publicación do recoñecido Cidades (1997), levou a cabo unha renovación temática e formal do xénero, hibridándoa coa fotografía, o deseño, a oralidade, a música, internet ou a arte urbana. Comezou co libro O meu gato é un poeta (2011), que se prolonga nunha web e nun CD en que recita acompañado do músico Xurxo Souto; continuou coa poesía visual e oral de Poemas birollos para ler cos ollos (2016), libro que inclúe un videoxogo web sobre un dos poemas; e fundiu a poesía infantil coa arte urbana nun mesmo plano comunicativo en Street poems (2018).

Como xornalista publicou a crónica de literatura periodística Territorio ocupado (1998), sobre o conflicto saharuí; o libro de entrevisas Un país a medio facer (2008), que intenta de trazar unha liña na evolución da cultura galega nos últimos vinte anos; e tamén Contesta ou disparo (2011), un libro dixital de entrevistas frescas e curtas con personalidades da cultura galega, realizadas arredor de 1990. Tamén é autor do texto biográfico «A voz que vén da seitura», sobre a vida da Señora Carmen, incluído no seu libro-disco-DVD A flor dos meus anos (PAI Música, 2007), así como da entrevista que se publicou no DVD. Así mesmo, abordou a biografía en A vida secreta de María Mariño (2007) e Folerpas de Novoneyra (2010).

Para primeiros lectores, é autor do álbums ilustrados A casa da duna (2002) e A araña e mais eu (2009) realizado en colaboración co fotógrafo Manuel G. Vicente. O volume mixto A lúa no probador (1992) recolle os seus primeiros relatos e poemas.

Realiza diversos espectáculos poéticos, orientados para distintos públicos, desde educación primaria a adultos, e moi especialmente destinados para o público infantil e xuvenil: «A poesía é un globo», «RevolucionARTE a versos», «Maldita poesía», «A poesía é un gato» ou «Versos da terra rebelde».

Ademais, é coautor da tradución do francés ao galego de Polgariño (1995), de Charles Perrault; e autor da versión ao galego de A historia sorprendente dun homiño moi valente, de Hans Traxler. Así mesmo, promoveu, coordinou o libro Mini.relatos (Cartabón, 1999), que retou a case trinta narradores e narradoras a escribir textos mínimos.
A súa obra está traducida a diversas linguas como o castelán, o catalán, o portugués, o italiano, o coreano e o inglés.