22.2.08

O vento do Malecón

O vento do Maleón tróuxonos en La Habana unha sorpresa que todos os cubanos afirman que esperaban: a dimisión de Fidel Castro, un acontecemento que centra a atención da maior parte das conversas no país. Mentres, a Feira Internacional do Libro da Habana continúa o seu ritmo multitudinario. Fidel é aínda o centro da atención e a proba é a imparable e continua venda de Fidel Castro, a miña vida, publicado por Xerais, que se converteu no libro máis solicitado do estand galego. Non é de estrañar, sobre todo tendo en conta que a edición cubana en castelán, que se vende no estand contiguo vende 400 exemplares diario na Feira do Libro. A edición galega presentarase o sábado aínda que, lamentablemente, sen Ignacio Ramonet, que se viu obrigado a cancelar a cita a causa dunha gastroenterite aguda. A Universidade da Habana tamén tivo que suspender o seu nomeamento como Doutor Honoris Causa.
A presenza galega na feira está a ser un éxito desde calquera punto de vista e todo transcorre razoablemente ben. O máis importante da Feira para nós é que confirma as posibilidades do libro galego no mercado exterior, algo que viñamos comprobando desde hai algúns anos coa aparición de diversas editoras que traballan nese sentido. Polo demais, o interese pola literatura galega queda patente estes días, así como unha grandísima curiosidade por coñecer a situación da lingua galega en función do seu devir histórico. A calor pegañenta do trópico fíltrase en todos os actos, en todas as presentaións, en todas as actuacións para facer que o público cubano vibre sorprendido coa nosa cultura. Ademais, os materiais preparados pola Consellería de Cultura teñen tal nivel de aceptación que é preciso restrixir a súa distribución.
A Feira está sendo un reencontro emocional da cultura galega coa cidade da Habana e aquí sorpréndese a cada paso da capacidade creativa dos escritoras e escritores galegos e do potencial da súa edición. A Feira continuará até o domingo pola tarde, aínda que se clausure oficialmente o sábado. O próximo ano será Chile o país convidado.

Ningún comentario: