24.12.13

As prácticas depredadoras dos grupos enerxéticos

Hoxe, probablemente, quedaremos sen luz. Sucede así en Noiteboa ano tras ano. É un agasallo que Unión Fenosa nos quere facer chegar para a velada. En calquera caso, non se trata dun feito excepcional. Onte pola noite, sen ir máis lonxe, tamén estivemos sen subministro eléctrico. Á marxe do temporal, sucédenos con moita frecuencia e trátase dunha deficiencia estrutural da fase que nos abastace, que non ten capacidade para garantir o suministro. Desde logo, o problema ten doada solución, porque se arranxaría renovando as infraestruturas en función das necesidades da demanda.

Así e todo, non se fai, porque ás eléctricas (neste caso Gas Natural Unión Fenosa), privatizadas para beneficio duns poucos, o único que lles interesa é obter unha substanciosa conta de resultados para os seus accionistas, esquecendo completamente o labor fundamental que teñen como servizo público. Feitos como a recente e escalandosa suba das tarifas da luz, finalmente anulada polo goberno, poñen en evidencia esta triste realidade. A maiores, aos habitantes do medio rural ou de poboacións pequenas as multinacionais enerxéticas considérannos cidadáns de segunda clase, negándonos os dereitos que si poden ter os habitantes das urbes.

Evidentemente, a responsabilidade final de todo isto está na perversión do exercicio da política e, en definitiva, nas prácticas usureiras do neoliberalismo, que privatizou un ben común estratéxico, tan necesario e tan fundamental para o futuro desenvolvemento dos países como é a enerxía.

Hoxe máis que nunca é preciso reivindicar que todos os recursos enerxéticos deben ser nacionalizados e postos ao servizo de quen, en realidade, os sufraga: a cidadanía. E, en calquera caso, é obriga dos gobernos pararlles os pés ás prácticas depredadoras destes monstros multinacionais, que non só teñen que ver co abuso dos consumidores senón tamén coa manipulación e o exercicio do poder. Como Gas Natural Unión Fenosa.


11.12.13

O Culturgal, a lingua e o derrotismo

«O Culturgal é moito máis que unha Feira das Industria Culturais Galegas; é unha auténtica inxección de moral para o país». Iso dicíao eu nun tuit que lancei hai un par de semanas. Sen dúbida ningunha, o Culturgal ten xa un valor simbólico que sobrepasa as dimensións dunha simple feira das industrias culturais co único cometido de vender a nosa produción máis creativa. A maiores de constituír un escaparate e un importante punto de venda dos nosos produtos culturais, o Culturgal é un lugar de encontro, de intercambio, un referente e un verdadeiro estímulo para as persoas que cremos na cultura galega e no seu enorme potencial.

No Culturgal cabe todo, menos o derrotismo. O máis impresionante do Culturgal é que podemos observar con abraio todo o que produce culturalmente este país (perdón pola expresión, porque realmente non está todo, só unha parte importante) e sorprendernos coa enorme capacidade dos nosos creadores e creadoras e coas valiosas e incombustibles iniciativas culturais que se emprenden, de xeito incansable, desde a cidadanía. E iso, malia termos unha nación desgobernada, envellecida e con escasa capacidade de autoestima, que non dá xerado unha cantidade de público en consonancia coa cantidade e a calidade da oferta. O Culturgal é un fermoso e subversivo laboratorio de ideas, de iniciativas, de proxectos, de historias, de palabras, de personaxes que proceden do ámbito da literatura, da música, do audiovisual, do espectáculo, das tecnoloxías, do asociacionismo, do teatro, da danza, da comunicación...

Por iso o Culturgal é unha inxección de moral para o país. Eu, desde logo, non podo sentir máis que fachenda por todo o que este pequeno lugar chamado Galicia é quen de producir desde a cultura. Por iso discrepo do espírito da anotación que publicou Gracia Santorum, co título «Inxección de moral», no seu excelente blog Trafegando ronseis. Gracia parte do meu tuit para establecer unha reflexión chea de desalento sobre a situación da lingua galega. Non se trata de que eu non coincida con ela (que é unha persoa con criterio) na súa preocupación polo futuro da lingua. Coincido, sen dúbida. Co que non coincido é co feito de que se vencelle ou se valore o Culturgal por un cometido que non é o seu (o da normalización lingüística). E, así e todo, teño a seguridade de que o Culturgal contribúe, indirectamente e moito, a prestixiar a nosa lingua a través da cultura.

O Culturgal é unha conquista da cidadanía galega (non debemos aforrar esforzos para afortalar o seu futuro, cada día máis sólido) e valoralo desde unha conciencia derrotista non lle fai favor ningún á nosa cultura. Pola contra, o derrotismo é unha arma perigosísima que se instrumentaliza desde o poder para conseguir a esgazamento moral dos que traballamos a favor do país. Hai séculos que é así. A derrota moral e sempre é previa á derrota total. Eu, xa que logo, non me deixarei abater por un espírito derrotista que só nos prexudica. É certo que ás veces é preciso dar a voz de alarma e tamén o é que, ás veces, certo derrotismo serve nalgúns foros para aguilloar, para avisar, ou sensibilizar, como estratexia. Eu mesmo fíxeno nalgunha ocasión. Pero, afortunadamente, o camiño que nos ensina o Culturgal é o do triunfalismo (o da euforia de reafirmarnos ante a excelencia cultural que produce unha cidadanía se cadra minoritaria, pero dinámica, imaxinativa e activísima), que é unha estratexia moito máis acaída e certeira non só para protexer e difundir a nosa cultura senón para a súa perpetuidade no tempo.