11.3.15

«Poétic@», algunhas cuestións sobre a miña proposta de poesía dixital

A primeira hora do martes fixen público a través de Facebook o meu último libro, titulado Poétic@. E xa non puiden continuar. Para celebrar o acontecemento, visitoume unha xenerosa gastroenterite vírica que se ocupou de min estes dous días e me solicitou dedicación exclusiva. Tiven que darlla. Non se me ocorría nada mellor que facer co meu corpo neses momentos. 

Agora xa lle dei os dous bicos de despedida (unha despedida bastante pudorosa, tendo en conta as confianzas que colleu co meu corpo), e xa ten un pé no tren coa intención de baixar na estación máis achegada para coller a alguén distraído. En fin, que nada máis presentar Poética, abandoneino á súa sorte no ciberespazo. Non estivo mal, para ser o meu primeiro libro electrónico. Probablemente, a gastroenterite quixo escenificar ese abonda xa! de máis dun ano de traballo esgotador online e mandábame a mensaxe de durme, isto rematou. E chegou no momento xusto. Se cadra temía que eu continuase máis tempo adherido á pantalla do ordenador, procurando o Santo Grial dixital. 

O Santo Grial non o atopei, pero si unha nova forma de vehiculizar a miña creatividade poética. Non son ningún experto en literatura electrónica, pero teño a sensación de que o artefacto que amañamos Estudi LLimona e mais eu non se asemella demasiado ao existente na rede. Claro que na literatura electrónica está case todo por inventar. En calquera caso, estou convencido de que este libro supón un paso decisivo para a literatura electrónica en lingua galega polo que ten de aposta, de innovación e tamén, evidementemente, de risco. Pero a corda frouxa non deixa de ser moi atraente. A vertixe estimula.  

En calquera caso, foi unha exploración enriquecedora, da que aprendín moitísimo e non me refiro só a cuestións técnicas (que tamén) senón, sobre todo, ao comportamento da literatura na rede e a como a rede condiciona ou marca a literatura. Certo é que a miña experiencia se restrinxe ao ámbio da poesía, pero creo que pode ser extrapolable a toda a literatura, salvando as distancias xenéricas. 
O longo proceso creativo de Poétic@ é algo que conto no limiar. Si, nese longo limiar tan pouco propio do medio dixital pero co que eu quixen que non esquecese a fasquía de libro que buscaba para este poemario electrónico.

O editor son eu mesmo, baixo o selo Pitipoto, pois non coñezo outra fórmula hoxe para un tipo de edición que ten custes pero non ten retorno (ou cando menos, resulta imposible pensar nun retorno á medida dos custes). Xa que logo, volvo á autoedición coa que comecei a miña andaina na poesía hai tantos anos (Persianas, pedramol e outros nervios, 1992). 

Para o deseño e o desenvolvemento web precisei, claro, a man do Estudi Llimona, radicado en Palma de Mallorca, ao que non podo máis que expresarlle todo o meu agradecemento (moi especialmente Kris Darias, con quen compartín unha videoconferencia semanal durante un ano) e eu mesmo asumín o lento e traballoso proceso de maquetación online, proceso que produciu modificacións no propio texto e mesmo alterou o proceso creativo moito máis do esperado. Tiña que ser así. O medio impón as súas condicións.

En canto aos contidos, Poética  exhibe un discurso ácido e corrosivo sobre a propia poesía e os seus mitos e tópicos no que nada se salva. Nin sequera eu. Polémico? Se cadra. Pero sen apostar non se dan pasos adiante. As citas forman parte do poema de tal xeito que están integradas nel, formando parte indisociable da súa esencia. Así cheguei á conclusión de que para definir os «poemas» era máis doado botar man da expresión «instalación poética», xa que son varios os elementos, as linguaxes e os discursos que existen en cada «instalación». Ademais de ser unha proposta atrevida por apostar pola literatura electrónica, Poética tamén quere ser unha proposta atrevida pola propia concepción do texto. Se o conseguín ou non, é algo que xa non me toca dicir a min.

E nada máis, cando menos, espero que gocedes del!


6.3.15

Ses volve cun novo álbum para «Tronzar os valos»

O novo álbum de Ses ten unha pintaza espectacular. Ses é a trobadora galega do século XXI, cunha música excelente e unha capacidade comunicativa impactante. É unha artista de xenio nada destrozado! Letras penetrantes, músicas mestizas e unha personalidade definidísima fan de Ses unha cantautora capaz de traspasar os valos.