31.5.16

As balizas do frío

Hai uns meses, a asociación TEAVI (Asociación de Trastornos de Espectro Autista de Vigo) publicou unha guía que merece todo o meu aplauso: Estratexias de inclusión educativa para o alumnado con TEA. O libro pode ser descargardo en pdf na web da asociación. A súa autora é de M. Cristina Chao Polo, e colaboraron con ela Fabien Gallié Morigny, María Pacín San Luis, María Rey Martínez e Marta Rodríguez Márquez. A portada é de David Pintor e eu tiven a honra de escribir o limiar. Digo a honra porque participar nun libro deste tipo é sempre unha honra, pois significa ter a oportunidade de apoiar unha desas causas que, de verdade, pagan a pena. Daquela, vaia por diante o meu agradecemeno a Cristina e Fabián por permitirme compartir con eles unhas palabras.

Estas son parte das que escribín: «Este libro ten a agarimosa quentura da luz. Esa que nos ofrece unha ollada morna e próxima e, sobre todo, metodolóxica sobre os nenos e nenas que habitan no corazón do frío, alí onde as xélidas sombras ameazan con solidificar. Un poeta catalán denominounos 'inquilinos do xeo', aos cativos que padecen autismo. Non é casual que fose un poeta quen o fixese. Nada pode chegar aos abismos do cerebro con tanta certeza como a poesía. A poesía transmite verdades neuronais coa contundencia da noite inmensa.»... 
Non continúo. Quen queira, pode continuar a lectura no propio libro.

Teño a seguridade de que nada enriquece máis a unha clase enteira de rapazas e rapaces que convivir cun neno ou nena autista con plena normalidade para eles. Ambas as partes se benefician dese feito, unha produtiva convivencia que os dota de sensibilidade, de capacidade de entendemento, de comprensión e de solidariedade. Xa que logo, esta guía constitúe unha magnífica proposta metodolóxica para o profesorado e para todas aquelas persoas que traballan cos trastornos de espectro autista. Parabéns e moita forza para todxs!




1 comentario:

  1. Fran, o meu sinceiro e profundo agradecemento. As túas verbas chegan a alma. Sempre é difícil facer entender aos quen non o viven o que é o TEA, o teu prólogo é un fermosísimo xeito de espertar o amor e o respecto dos demais. A min sacáchesme unhas cantas bágoas. Moitas gracias

    ResponderEliminar