22.3.17

Os versos da tormenta: «Mantente firme», de Kate Tempest

Hai xa demasiado tempo que non comento ningunha lectura, pero aínda que o tempo para as lecturas, como di Daniel Pennac, sempre existe porque é tempo que se lle rouba, como o amor, á vida, fáltame o momento para comentalas. Entre os libros dos últimos meses, elixo, sen dúbida un libro de poemas: Mantente firme, de Kate Tempest, una das máis novas e radicais revelacións da poesía británica, que paga moito a pena. (Cito a partir da tradución ao castelán).

Os versos da tormenta: «Mantente firme», de Kate Tempest


O seu nome literario parece evocar o punto de explosión dos seus versos: a tormenta da realidade. Kate Tempest é unha das últimas e máis interesantes tempestades da poesía británica. Emerxe do anonimato dun barrio humilde de Londres, adestrada no ámbito do spoken word; por iso a poeta revelación da escena literaria londinense é tamén rapeira –se cadra, a súa vocación primordial– e performance. Ora, as súas inquedanzas non rematan aí e desconcerta cos seus referentes culturais amplos («Dentro de mi cabeza, escuchaba a Chopin y leía a Joyce y estaba enamorada de ellos por ser tan humanos y expresarlo tan bien») e a súa enorme versatilidade, tamén como dramaturga e novelista (e xa teño enormes ganas de ler a súa novela, The Bricks That Built the Houses) aínda que é, sobre todo, unha muller da acción directa e da proximidade desde o escenario. Foi na improvisación do escenario, pequeno, inmediato, dun barrio humilde de Londres onde atopou a poesía e, desde ela, retornou de novo ao escenario para deitar a súa enerxía sobre o hip hop. La Bella Varsovia tivo a iniciativa de traducila ao castelán da man de Alberto Acerete e editala en edición bilingüe.
Como escritor, síntoa moi perto; se cadra había tempo que non sentía un libro de poemas tan perto da miña ollada literaria como Mantente firme, (titulado en inglés Hold You Own); salvando as distancias, en moitos aspectos mesmo o sinto perto de Terraza, libro que rematei bastante antes de ler a Tempest.
A ollada da poesía de Tempest diríxese ao seu propio entorno, nese lugar onde habitan as persoas silenciadas, oprimidas e minusvaloradas, con raparigos e mulleres de adolescencias difíciles, que se dirimen entre a diferenza e a identidade do grupo, confusas, perplexas, inadaptadas («A mi lado, con sus finas cinturas y sus ojos de naufragio, / las chicas bailaban y yo moría»), que se converten en minúsculos heroes do día a día. E os seus versos, tempestivos, nacen da experiencia persoal nese entorno e enraízan na infancia e, sobre todo, nos conflitos da adolescencia para falar de problemas humanos de dimensión universal. Pero escríbense na madurez, porque «Entonces era mucho más vieja, soy mas joven ahora».
A figura de Tiresias, o adiviño da mitoloxía da Grecia clásica, centra o poemario e constitúe o seu fío. En realidade, Tiresias é unha desculpa para falar da vida, da cotianidade, da dor, do conflito persoal, político e de xénero, da vulnerabilidade. Kate Tempest reconstrúe as vivencias de Tiresias desde catro puntos de vista: a infancia, a masculinidade, a feminidade e a profecía, de xeito que estas categorías estruturan o poemario –en paralelo á propia vida do mito: «Todos los tús que has sido»–, pero emprégaas para elaborar o seu propio discurso, que pasa pola trasposición de xénero, en todas as dimensións (tamén na literaria) da palabra: «Nació siendo un hombre. / Ella es la que se queda», di un verso que parece un desafío á transfobia, pero que non é máis que unha afirmación de identidade. Sen dúbida interésame moito ese aspecto da súa poesía.


É curioso, porque a súa obra, que dá conta do proceso descomposición social do seu país como paradigma do mundo desenvolvido, ten un nítido perfil político –ela é declaradamente de esquerdas– pero, aínda que pareza unha contradición, nas súas declaracións e aparicións públicas foxe do posicionamento político e/ou partidista porque, segundo afirma, a xente que pensa coma ela xa sabe como se sente e, precisamente, asegura, o que máis lle interesa é chegar ás persoas que teñen ideas políticas diferentes ás súas. Con todo, poemas como «Progreso» non deixan ningúnha dúbida da súa postura radicalmente crítica: «Necesitábamos algo nuevo / para llenar el vacío que crecía; / y en qué podíamos creer mejor / que en la Libertad de ¡Consume-Cuanto-Puedas!». E, aínda que a súa declaración de principios ou de intencións está máis ben no poema «Las cosas que sé», en «Bien, gracias» móstrase absolutamente demoledora: «Por favor, no os molestéis en levantar los brazos para dispararnos; / nos dispararemos nosotros solos. No, de verdad, insistimos. / Sin pistolas. Dadnos simplemente marcas y facturas y salarios.» 
A derradeira parte, «Profecía», a que se corresponde coa cegueira de Tiresias, é unha catapulta que, desde unha dimensión da vida politicamente inalienable, guinda pedradas á conciencia das súas lectoras e lectores.
A lingua, en todo o poemario, é coloquial, pero coloquialmente elaborada, fresca e directa, aínda que bastante metafórica. E produce unha enorme empatía lectora.
Pero a súa poesía intérnase tamén, e moito, no corpo, a través de cada poro da pel, de cada movemento respiratorio. Sen dúbida, máis intensamente nos poemas en que fala da adolescencia, con ecos atronadores desa intimidade vulnerable e insegura dunha adolescencia en que, por outra banda, a poeta era máis vella que agora, cando escribe e publica. Vese en poemas tan demoledores como «La abusona» ou «Trece»: «Los chicos cuentan con el fútbol y las pistas de skate. / Pueden montar una BMX / y jugar al baloncesto, en las canchas junto a los pisos, hasta la medianoche. / Las chicas tienen vergüenza». Esa adolescencia prexuizosa, acomplexada, vítima de acoso, temerosa e incerta pero aparentemente transgresora, que linda co prohibido e o ilícito («Soy una ladrona audaz. / Empujo carros, cargados con el alcohol que se nos antoja») lembroume outra lectura próxima no tempo, a de Crezco, a novela coa que Ben Brooks se deu a coñecer, escrita cunha sinceridade desgarradora en plena adolescencia do autor. Cando lin a novela de Brooks, que dá conta dese mesmo tempo da adolescencia británica (aquí máis rufiá, máis Virginie Despentes), preguntábame por que non habería unha novela así contada desde o punto de vista feminino, por que tiña que ser esa perspectiva masculina, moito máis coñecida, a que chegaba novamente a nós desde a prosa. A visión desa adolescencia a través de Kate Tempest é bastante máis crítica e moito menos politicamente incorrecta que a de Brooks, pero igualmente sincera e, ademais, vehiculizada con toda a enerxía da que bota man para condensar os conflitos da vida nos poemas. Nos seus versos, a lingua vibra porque cobra vida e as referencias literarias ausentes están máis presentes que nas palabras de Brooks; por exemplo, lendo viñéronseme á cabeza, sen evocalos, os versos de Parade os reloxos, de Auden –sobre todo na parte da «Profecía»– pero tamén, como lin nalgures, a música de Pink Floyd (pero non nos versos referidos á educación, como lembro ler, senón nos delirios de Bob Geldof en The Wall de Alan Parker que atronan no poema «Balada de un héroe»).  
A vida de Tiresias permítelle a Tempest revisar tamén o concepto de masculinidade –algo ao que non é allea a poesía galega–, masculinidade que se presenta esmagadora na adolescencia («Me muevo como los chicos. / Hablo como los chicos«) pero que sitúa contra as cordas no poema «Hombre abatido»: «Eres más hombre cuando te rompes y lloras, / cuando tiembras y duermes / (...) Llorarás por los poros si no lo haces por los ojos. / Tu sangre tiene el mismo color que la mía». 
E, por se non abondase, a cegueira do personaxe mitolóxico permítelle dinamitar con versos a cimentación do consumismo, o capitalismo, as convencións sociais e a relixión. E, sobre todo, poñer de relevo cal é o noso tempo, directamente ou con retranca sutil: «Ahora nos pertenece la Pantalla, / y funciona. / Nuestros niños están permanentemente conectados a su promesa, / admirando sus joyas. / Y las parejas cenan / a la tenue luz de sus rayos, / la miramos fijamente hasta / que hemos aprendido cómo funciona el mundo».
Pero, malia todo, é consciente de que a poesía, de seu, tampouco nos vai salvar; cómpre ter os pés no chan e vivir: «Que no te entusiasme más una idea de qué es la vida que la vida misma».
E é que, a fin de contas, o poema é o poema e a vida é a vida:
«Que le den al poema. / Hay una cama aquí / y tú me quieres dentro».

Ningún comentario:

Publicar un comentario