8.11.10

O mendigo de Cidades

No ano 1998 escribín para a Revista Bravú este texto sobre un mendigo de longas barbas –chamado Xosé– que daquela vagaba polas rúas de Vigo cuberto sempre cun impermeable amarelo. Cando eu servía mesas no restaurante Garabelos, propiedade de meu pai, servíalle un café cada mañá, pois a primeira hora acudía a almorzar ao noso abeiro. Nel está inspirado o poema "Teño un amigo que dorme", do meu libro Cidades, que tan fermoso aparece no documental "Os ollos da cidade", de Lara Barcelos, que reproduzo abaixo.

Xosé Sen Pasado

A barba revolta, abundante, canosa, unida ao cabelo que se lle dispara en ciclón. A fronte engurrada, coroada por unha cinta ancha que lle amarra os pelos. Os ollos afundidos. A mirada profunda, entrañable. A conversa racional, extremadamente radicional. Tan racional que perde o sentido por exceso de pureza. ¿Quen é este home? O seu nome é Xosé. A súa vivenda, a rúa. O seu refuxio, o porto. O seu amor, un can e un café con leite con moito azucre. Xosé carece de pasado. Un día borrouno do seu disco duro para sempre. En Vigo todo case o mundo o coñece de cruzalo polas rúas. Moi pouca xente sabe como se chama. Moi pouca fala con el. Hai quen aventura datos sobre a súa procedencia. Hai quen lle tece historias que cosen unha lenda. ¿Quen é? Simplemente, un dos vagamundos anónimos máis coñecidos da cidade. ¿De onde vén? De calquera sitio a onde Paco Lobatón nunca poderá chegar. Afortunadamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario