28.6.12

Poesía de punto en tránsito

Xosé Manuel Eyré escribiu unha crítica sobre o meu libro de poemas Transición, que publica o xornal Galicia confidencial. Supoño que foi unha casualidade que se publicase onte, o día en que me fixen un ano máis vello, pero en calquera caso, moitas grazas polo agasallo de aniversario. Vaia tamén por diante o meu agradecemento a todas as persoas que me felicitaron a través de facebook, moi especialmente porque levo case tres meses inactivo nas redes sociais. De cando en vez é preciso descansar e redirixir o teu tempo.



Poesía de punto en tránsito

O título que hoxe lles propoñemos, é un deses no cal os autores adoitan recoller pomas soltos publicados en diferentes medios, xeralmente poemas circunstanciais, moi directamente vencellados a realidade da cal nacen e explican. Algo así como aqueles antigos coches de punto, á nosa disposición para esta emerxencia/necesidade, é dicir: poesía de intervención que pon de manifesto o compromiso social do autor, e polo tanto poesía de servidume e liberdade. É precisamente esa servidume, a servidume da urxencia o que pode representar para o autor algún tipo de incomodo ou trastorno porque lle racha a rutina diaria en que apioamos a  normalidade dos nosos días. Porén é precisamente esa servidume a ideario rebelde o que fai que este tipo de poesía tamén sexa de liberdade, pois non hai liberdade amordazada. Velaí que esta é a única servidume que leva á liberdade. Por iso María Lado a sinala, no limiar, como poesía da verdade e lle reclama bocas que a digan, bocas que lle abriguen o espírito. Pola súa banda, o propio autor, tamén en palabras preliminares, explica a procedencia desta poesía “de transición, de ensaio, de busca”(11), publicada “en revistas, libros colectivos, antoloxías…ou escritos para recitais sinalados” (11) ademais doutros poemas creados a partir de  fotografías ( de Manuel G. Vicente, Renato Roque, Anxo Cabada) e aqueles que responden a petitoria de amizades (para actos concretos), incluíndo tamén a Balada solitaria   inicialmente publicada nas Ediçoes Eterogéneas e que tamén coñece versión catalá mais non fora édita na Galiza.
Por se alguén fai de menos este tipo de poesía de punto, circunstancial, abonde lembrar que a nosa poesía ( e como a nosa calquera outra) sería ben distinta sen este tipo de textos. Pénsese que a poesía de Rosalía de Castro, por exempo os Cantares en moi grande parte responden a esta fórmula, onde quedaría Luís Pimentel sen este tipo de textos?, acaso a poesía social de Curros ou Celso Emilio non responde tamén? Cando o mundo interior do poeta é diferente do que habita fóra del..entón si hai un verdadeiro problema. Mais esta poesía de punto temos para nós que é das máis sinceras, alén de integrar títulos imprescindíbeis para ben entender a evolución de quen os asina.
Logo daquelas palabras preliminares ( María Lado e o propio autor),  Fran Alonso dispuxo un primeiro poema a modo de presentación no que xa se percibe un dos temas capitais na obra ( en prosa ou verso) do autor: o mundo como caos reflectido na personalidade das xentes que o habitan ( sen preguntarse quen son), o mundo como abismo de caos que precisa de contínuas anotacións axuliares á hora de se explicar ( neste caso na poesía de Fran Alonso) como acontece neste primero poema e acontecerá en cada un dos posteriores, pois é precisamente este artificio o instrumento basilar á hora de dar uniformidade ( e trascendencia, porque as notas trascenden, redimensionan, o propio texto poético, piden a berros unha segunda lectura máis ampla) ao poemario.
 “ A golpes de retina” recolle a poesía nacida de/para fotografías. Recoñécense doadamente diálogos coa realidade (Prestige), co abismo do anonimato e a soidade, coas vítimas do fraquismo, homenaxes á terra e o traballo, co silencio amordazado da vellez, co mar e outros poetas ( desde Meendinho a Celso Emilio ou Bernardino Graña), tendo particular interese aqueles poemas que se ven interrompidos por unha fotografía, de xeito que ambos, palabra e imaxe, compoñen un único texto.
O “Palabricidio”, segunda parte, volve reflectir ese abismo de caos e dificultade autoidentitaria, autoidentitaria inclusive da propia forma poética que unhas veces bota man de títulos clásicos e outra intégraos no propio texto do poema, alén das notas que, agás na “ Balada solitaria” da terceira parte, acompañan sempre. Aquí os xogos de palabras non son unicamente ludismo ocorrente senón que outravolta volven incidir no xa dito, na necesidade de  redimensionar, dar/procurar novos signficandos complementarios. Na vintena de poemas desta parte, hai lugar para a reflexionar sobre os libros e sobre a propia escrita, sobre a morte (ese tempo detido), sobre a sociedade capitalista, sobre a voracidade e tolemia das guerras, sobre o valor da muller na sociedade, sobre o medo, a  soidade, a ligua, a alma…sobre a propia vida ( ese camiño) ou sobre a creación como concepto filosófico e poético.
 Que non son temas alleos á terceira parte, “Balada solitaria”, á soidade individual intemporal, ao tempo asasino, ás voces que ninguén escoita ( aída que te oia), ese silencio baleiro que nin os e-mail autoenviados racha, ese suicidio como necesidade autoafectiva…Por demais, o poemario tamén se define unitariamente desde o punto de vista formal. Esa poesía de ritmo entrecurtado, ás veces breve e rápida. Intensa sempre. Outras veces remansada de encabalgamentos imposíbeis ou inagardados que máis que rachar unen e máis que unir rachan. Onde tamén hai lugar para a ironía, esa distancia escrutante da que ás veces nace un humor que é moito máis que simple humor. Que outras veces se refuxia na enumeración ( caos) ou na simple descrición e sente necesidade de contar historias ( e por iso tamén pode dar en prosa poética)
En definitiva é poesía porque existes ti, lector, concebida tanto como expresión persoal do autor como para voz túa, lector. Pois ambos, ti e o autor, vivides o mesmo abismo do mundo caótico onde as persoas son ninguén, só números, e os protagonistas son as transacións económicas ( por exemplo, a prima de risco), a plusvalía, o mercado…que reflictan a febre fabril e din que son espello da actividade (creativa) humana, desa humanidade condenada á soidade máis atroz, á despersonalización máis absoluta. E onde quedaron o amor, a fraternidade, a solidariedade, a camaradería, a fidelidade (á historia, aos propios valores humanos), a colaboración…?

Ningún comentario:

Publicar un comentario