Alegreime inmensamente de que se propuxese escribir o texto e poñer a miña voz para este vídeo sobre Xela Arias da serie «Na casa delas». Agradecidíisimo. Reproduzo tamén o texto orixinal, que tiven que resumir un chisquiño para axustalo ao tempo do vídeo.
XELA ARIAS
LUGAR: GRANXA ESCOLA BARREIROS (SARRIA)
Outro espazo: Casa familiar da Vilerma.
As persoas habitamos espazos e tempos. Espazos que sempre están en relación cun tempo. E ese tempo, o tempo de Xela Arias na Granxa Barreiros, en Sarria, foi o de apalpar a vida; o de tenteala e facela súa, apropiarse dela.
«Tiña eu antes de ti dúas mans para apaña-lo mundo» diralle Xela moitos anos despois ao seu fillo no poemario Darío a diario.
O 4 de marzo de 1962 Xela Arias naceu para apañar o mundo brincando entre as hortas e as aulas da Granxa Escola Barreiros, onde o seu pai, Valentín Arias, impartía clases e a súa nai, Amparo Castaño, se ocupaba do servizo de comedor. A institución fora fundada en 1948, baixo agochados principios galeguistas e republicanos, por Antonio Fernández.
No espazo daquela insólita escola unitaria, tan insual en tempos complicados do franquismo, Xela pasou os seus tres primeiros anos de vida nun ambiente de liberdade. Era esa liberdade inaugural e inconsciente que logo lle ditou os referentes da súa maternidade cando se dirixía ao seu fillo:
«Nada que ver coa posesión.
Non te posúo nin quero.
Cóidote, ámote e manteño a esperanza
de aprenderche a te posuíres».
Que queda en nós, persoas adultas, deses tres primeiros anos de vida? Lembranzas, apenas. Pouso, moito. Determinación? Se cadra.
Cando Xela contaba con tres anos, o seu pai aceptou un novo traballo en Lugo, e cando aínda tiña sete outro traslado levouna a Vigo, a cidade coa que empatizou e que acabou por configurar a súa obra literaria.
Pero aquela Xela Arias urbana, autora de Denuncia do equilibrio e das letras das cancións do grupo rock Os Desertores, que se identificaba moito máis con Lou Reed que cos poetas galegos do seu tempo, mantiña nos seus versos malia todo, como indicou a poeta Olga Novo, a memoria dos bóvidos que fixera seus na parroquia de Ortoá, onde se ubicaba a Granxa Escola Barreiros:
«Vencen cabalos alaranxados os rebumbios das frases / cortadas», sentenciou nun dos poemas.
Esas referencias á animalidade acomodáronse tamén no título do seu poemario Tigres coma cabalos, urbano e intenso.
Non se pode negar que a traxectoria de Xela Arias é indisociable da cidade de Vigo: «Desde os 7 anos vivo en Vigo e a miña cultura é urbana», escribiu; aínda que tamén puntualizou: «O urbano non é parte de min senón unha circunstancia da vida».
E, ás veces, as circunstancias da vida determinan a través dos espazos, como a determinou tamén a Granxa Escola. «O medio fórmanos», asegurou tamén Xela Arias.
De feito, ata a súa primeira adolescencia retornaba coa familia nas vacacións, non xa a Barreiros senón á casa da Vilerma, a escasa distancia de alí, onde nacera Valentín Arias. A aquel espazo de liberdade onde aprendera a andar, aprendera a apañar o mundo, e quen sabe!, se cadra aprendera tamén, inconscientemente, a definir o poema.
Porque ao final, as palabras foron para ela un espazo, un espazo de definición, de autoafirmación, de rebeldía e de procura que aprendeu a pronunciar, por vez primeira, nos silencios e nas paisaxes natais.
Era ese espazo iniciático que a devolvía aos afectos, igual que a palabra, igual que o verso, igual que o poema derradeiro do seu libro derradeiro, Intempériome:
Incéndiate
á calor da observación.
E repasa logo a ollada
no pouso
dos afectos.