16.6.05

Memoria

Para quen non o lembre, non o saiba ou sexa demasiado novo para acordarse, quero recuperar da memoria o asunto das listas negras que o PP de Manuel Fraga elaborou en 1990, en canto chegou ao poder. Eses foron os inicios de Fraga na Xunta de Galicia. Daquela eu traballaba no desparecido Diario 16 de Galicia, o xornal que publicou as controvertidas listas. Tratábase dunha serie de informes que o PP elaborara sobre os profesionais da Radio e da Televisión de Galicia, tanto sobre os que exercían cargos como sobre os que eran, simplemente, traballadores, a fin de deixar constancia da súa filiación ou simpatías políticas á hora de ser relegados ou ascendidos a diversos postos profesionais e de interese político.
A filtración dos informes procedía directamente da sede do PP. Fraga, fixo declaracións desvencellando a Xunta do asunto das listas negras, pero non foi quen de facer o mesmo co PP. O encargado de desmentilo, daquela, foi Mariano Rajoy, quen asegurou que na sede do PP "se recibían moitos informes coma ese, que a xente mandaba por iniciativa propia". Pérez Varela era entón xefe do Gabinete de Comunicacións do Presidente. Pasaron xa quince anos e na rede non hai practicamente información sobre o asunto.
Nun dos informes dicíase que o director xeral da RTVG "debe ser un político al que le quepa en la cabeza el proyecto del Partido Popular, resumido en los 15 libros blancos de su programa". O máis curioso é o xeito en que foron calificados algúns xornalistas dos medios públicos. De Carlos Blanco, por exemplo, hoxe ben coñecido como actor e persoa ligada ao mundo do espectáculo, dicíase: "locutor. Contrato fijo. Profesional normal. Es del PSG-EG. Dirige el colectivo de nacionalistas radicales de izquierdas en la radio y fuera de ella. Elemento pernicioso".
A Xosé Luis Freire, "locutor, contrato fijo", tocoulle o calificativo de "profesionalidad normal. Miembro de Fuxan os Ventos. Es confidente de Camilo Nogueira. Individuo muy peligroso".
De Cristina Lombao aseguraba un dos informes: "locutora. Contrato fijo. Sobrina de Manolo Lombao (TVE). Mala profesional. Radical de izquierdas".
Con respecto a Luis Rial dicíase: "Coordinador de emigración. Contrato fijo. Trabajador infatigable. Muy marcado por el PSOE por su afinidad declarada hacia el PP".
Non tiña a mesma consideración Anxo Doval, de que sen dicía: "coordinador de documentación. Contrato temporal. Mal profesional. Candidato del PSG-EG en la pasadas elecciones autonómicas. Conflictivo".
E así continuaban as listas. Está todo nas hemerotecas. Con seguridade, esas listas sentaron as bases da radio e televisión folclórica, manipulada e sen proxecto que agora padecemos. Pero os político que gobernaban daquela aínda continúan a gobernar hoxe. Até cando?
Só até o domingo.

Ningún comentario: