Onte venres fixemos en Pontevedra unha nova presentación do Cultur.gal, esta vez cun importante avance de actividades. A Feira do Libro e da Industria Cultural, que se celebrará do 10 ao 13 de maio no céntrico Pazo da Cultura de Pontevedra terá entrada gratuíta e será unha cita ineludible para poñerse ao día do que se está a facer hoxe na creación galega: libros, discos, vídeos, novas tecnoloxías... Entre as actividades que xa se poden ir dando a coñecer figuran unha actuación de Mofa e Befa para o venres 11 co seu último e inesquecible espectáculo, un concerto de Marful para o domingo 13 co seu completo Salón de Baile, unha gravación en directo do Xabarín Club, un concerto de Concha Buika que tamén se integra no Cultur.gal o sábado 12, animación no recinto feiral a cargo dos Festicultores durante o sábado 12 e o domingo 13, a presentación diaria de discos de música galega, sinatura de libros, mesas redondas, debates, proxeccións de películas, curtametraxes, exposicións, unha homenaxe a María Mariño, programación infantil específica con grupos musicais como Mamá Cabra, Migallas, Na Virada, e os títeres de Tanxarina, ludoteca para os máis pequenos, talleres, obradoiros, café literario... e isto é só o comezo. ¿Hai alguén que se queira perder semellante oferta?
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.