22.5.09

Palabras dun sen teito

Implacables foron as palabras pronunciadas onte ante un micrófono da Radio Galega por indixente que ten que durmir na rúa debido á polémica da Gota de Leite:
"A sociedade escandalízase porque catro persoas morren de gripe pero permanece impasible co que sucede connosco na súa cidade".

Escoiteino onte, mentres conducía. Que razón ten!

Moción frustrada

Significativo

20.5.09

Gondomar

Sería unha triste vergoña que o PSOE apoiase ou propiciase unha moción de censura no Concello de Gondomar. E moito máis se é para devolver ao goberno municipal a persoas procesadas.

18.5.09

A lingua dunha sociedade

O máis importante da manifestación a favor da lingua galega e contra a abolición do decreto que tivo lugar onte en Santiago de Compostela é, sen dúbida ningunha, o seu carácter de reivindicación social (non de reivindicación política). Ningunha convocatoria de ningún partido (nacionalista ou non) consigue o éxito que onte logrou a reacción social para deter a ofensiva que o PP lanzou contra o galego desde antes da campaña electoral. A lingua galega e a súa defensa conseguiu o que non consigue ningún partido político, o que non conseguiu ninguén excepto o Prestige: convocar unha cantidade inxente de individuos que, dou fe, sobrepasamos con moito as 20.000 persoas das que fala a prensa. Eu só logrei entrar na Praza da Quintana cando xa rematara o acto e tiven que asistir a unha repetición da lectura do manifesto. Xa que logo, lonxe de ser unha victoria política, o máis significativo do que sucedeu onte é o carácter social que tiña a reivindicación (porque a defensa do noso máis valioso ben cultural, que é lingua galega, une por enriba de calquera outra diferencia) e iso é o que, agora si, preocupa seriamente (ou debe preocupar) ao novo goberno galego. Se non están xordos, teñen que tomar boa nota. As dúas fotos inferiores fíxenas eu mesmo onte en Compostela.



14.5.09

O nomeamento de Anxo Lorenzo reabre a esperanza

O nomeamento do profesor da Universidade de Vigo e sociolinguista Anxo Lorenzo como Secretario Xeral de Política Lingüística é unha moi boa noticia para a lingua galega, e reabre a esperanza nunha situación crítica para o debate sobre a normalización do galego, crispado e manipulado polo PP durante a campaña electoral. Especialista en planificación lingüística, experto no asunto do cargo para o que é nomeado e irreprochable defensor da lingua galega, Anxo Lorenzo ten que enfrontarse a unha difícil situación de derrogación do decreto. Non dubido de que a súa aceptación do cargo supón un acto de valentía ao tempo que un revés para os sectores antigaleguistas do PP e para certa asociación de cuyo nombre no quiero acordarme. De feito, para contentalos, hoxe mesmo Feijoo fixo ridículas declaracións para a galería.
Unha das maiores dificultades para o novo responsable de Política Lingüística será o seu propio xefe, o Conselleiro de Educación, que sintoniza cos bilingües en español, tal e como se pode ver nesta interesante análise de Xornal.com e tal e como se pode entrever no meu post anterior. Segundo os medios, Anxo Lorenzo recibiu de Feijoo garantías de libre actuación. Esperemos que sexa así. En calquera caso, polo ben da lingua, esperemos que teña moita sorte e que algúns lle boten unha man, por riba de intereses partidistas. A lingua é de todos. E só entendéndoo así lograremos devolverlle o papel que lle corresponde. Eu, o domingo, tamén estarei na manifestación para defender o que é de xustiza.

Actualización 23:06 h. Vexo que a man que lle botan é, coma sempre, ao pescozo. ¡Que triste que lle chamen "verdugo" e "lobo con pel de ovelliña" antes mesmo de que tome posesión! Un día haberá que analizar nun estudo rigoroso o dano que lle fai á perpeción social da lingua a instrumentalización política das organizacións que, teoricamente, a defenden. Eu, hoxe, brindo polo nomeamento de Anxo Lorenzo. E se o PP non lle dá marxe de manobra, ten na súa man a posibilidade de dimitir e quedaralle a fachenda de quen foi valente e o intentou nas circunstancias máis difíciles. E o domingo irei á manifestación, e non precisamente seducido polos convocantes senón a pesar deles.