18.5.09

A lingua dunha sociedade

O máis importante da manifestación a favor da lingua galega e contra a abolición do decreto que tivo lugar onte en Santiago de Compostela é, sen dúbida ningunha, o seu carácter de reivindicación social (non de reivindicación política). Ningunha convocatoria de ningún partido (nacionalista ou non) consigue o éxito que onte logrou a reacción social para deter a ofensiva que o PP lanzou contra o galego desde antes da campaña electoral. A lingua galega e a súa defensa conseguiu o que non consigue ningún partido político, o que non conseguiu ninguén excepto o Prestige: convocar unha cantidade inxente de individuos que, dou fe, sobrepasamos con moito as 20.000 persoas das que fala a prensa. Eu só logrei entrar na Praza da Quintana cando xa rematara o acto e tiven que asistir a unha repetición da lectura do manifesto. Xa que logo, lonxe de ser unha victoria política, o máis significativo do que sucedeu onte é o carácter social que tiña a reivindicación (porque a defensa do noso máis valioso ben cultural, que é lingua galega, une por enriba de calquera outra diferencia) e iso é o que, agora si, preocupa seriamente (ou debe preocupar) ao novo goberno galego. Se non están xordos, teñen que tomar boa nota. As dúas fotos inferiores fíxenas eu mesmo onte en Compostela.



Ningún comentario:

Publicar un comentario