30.6.09

Gondomar protesta

Gondomar protesta é o nome do inicipiente movemento veciñal contra a moción de censura, que onte á tarde reuniu unha enorme masa de veciños en Gondomar, armados de chifres, asubíos, cacerolas e todo tipo de artiluxios para protestar pola actitude da oposición. A moción de censura é posible pola acción de catro tránsfugas do PSOE que xa foron desautorizados polo seu propio partido desde Santiago e pola propia agrupación de Gondomar; de feito, os seus dirixentes participaron na concentración popular de onte.
As protestas repetiranse diariamente ás 21 horas diante do Concello, excepto hoxe, que será ás 19.45 diante do auditorio Lois Tobío, lugar onde está previsto o último pleno –fixado previamente– antes da moción de censura. Con todo, o rumor máis estendido por Gondomar é que os concelleiros da oposición non van aparecer, para impedir a celebración dese último pleno.
Outra das protestas que está en marcha desde onte, especialmente singular, é a sincronización dos veciños ás once da noite para poñer nos nosos aparatos de música un CD que contén tres melodías (a elixir unha) de zanfona, e que se emite situando os altavoces na ventá das vivendas. Quen recibe o CD está obrigado a facer copias e distribuílas, amplificando o radio de acción da protesta.
Indignación, pero tamén imaxinación, sentido lúdico, e unha vontade irrenunciable a que a cordura e a racionalidade sexa o que presida o goberno municipal de Gondomar constitúen os factores que desencadenan esta protesta que está a estenderse como unha bola de neve, sen que as máquinas excavadoras de Rafael Louzán poidan facer nada para impedilo. E é que os cartos non o poden todo.

29.6.09

Moción de censura

El País do sábado (tamén a prensa do domingo) trae algunhas claves importantes da moción de censura contra o goberno municipal do BNG en Gondomar. Un dos aspectos máis condenables é a actitude destrutiva dos concelleiros do PSOE, que, despois de bloquear calquera iniciativa do goberno municipal nos plenos (incluída a apertura da galescola) durante estes últimos dous anos, agora entran a engrosar a categoría de tránsfugas e, desautorizados polo seu propio partido, póñense ao escuro servicio de Rafael Louzán e dun PP que, en Gondomar, está implicado nas máis indesexables tramas de corrupción urbanística. Nestes momentos, hai xa en marcha un movemento veciñal contra a actitude cínica dos responsables da moción de censura, que se vai manifestar diariamente ás 21 horas diante do Concello de Gondomar.

28.6.09

O galeguismo de Feijoo

¿Galeguismo defendendo só o español? Iso chámase españolismo ou castelanismo. Xa que logo o que defende é un "españolismo aberto e plural".

Por certo, a semana pasada escoiteille dicir en castelán a María Antonia Iglesias (PSOE, sector felipista) na Radio Galega que o PP de Vigo e Pontevedra (os que manobran contra o galego), e cito de memoria "son más españolistas que El Cid Campeador". Ilustrativo, sen dúbida.

26.6.09

23.6.09

O meu próximo libro

A araña e mais eu, o meu próximo libro, en coautoría con Manuel G. Vicente, responsable da fermosa linguaxe fotográfica da proposta, está a piques de saír á luz. A Manuel G. Vicente úneme unha vella amizade que nos levou a facer xuntos os libros Territorio ocupado (1998) e A casa da duna (2001).




Tamén en portugués,



castelán,



e inglés.

21.6.09

Iniciativa a prol do galego

Acabo de recibir este correo electrónico de María Reimóndez, baixo o asunto de "As ameazas son oportunidades":

Amigas e amigos:

Creo que a ninguén lle fai falta explicar a situación de gravidade extrema na que nos atopamos con respecto ao noso idioma e a nosa cultura. As persoas que me coñecedes sabedes que son pouco tendente a agoniar e moito máis tendente a actuar. Por iso creo que, despois de escoitar e observar tanto despropósito debemos deixar de agardar que outr@s fagan por nós e tomar a iniciativa. De aí a razón deste correo.

Hai xa días que veño escoitando voces que pensan o mesmo ca min (Rivas, Cordal, Fernández Paz, entre outr@s) e é que cómpre mobilizar á sociedade, sobre todo aquela galegofalante que mantivo ata o de agora a lingua viva pero que segue participando dos prexuízos que se instalaron con desprezo e co mecanismo terrible de facer sentir vergonza permanente do propio. É tempo de mobilizar ese grandísimo sector da poboación para calar mentiras e para desbloquear esta situación na que nos atopamos de agresión á lingua sen precedentes na democracia.

As ideas poderían ser moitas, envíovos a miña agardando que deste xermolo poidamos tirar os primeiros pasos para este grande movemento que precisamos. A miña idea (obviamente gandhiana) é que baixemos a pé de obra facer o que ninguén fixo: debater, falar, cambiar mentalidades. Así, gustaríame poder organizar convosco unha grande MARCHA POLA LINGUA que percorrese a partir de agosto, pouco a pouco, con accións de diversa índole, as aldeas e vilas de Galicia. O obxectivo da marcha sería establecer un diálogo verdadeiro, sen partidismos nin mediacións da prensa, coa cidadanía. Escoitando e tamén falando, desfacendo preconceptos e tentando reinstaurar o orgullo do propio dun/has galegofalantes longo tempo desprezad@s por parte de certos colectivos urbanos que agora toman a palabra. Concibo a marcha como un acto en positivo, no que debe de primar sobre todo o AGRADECEMENTO a todas as persoas que conservaron e conservan a lingua dunha forma anónima e sen as cales non poderiamos cantar, nin escribir, nin facer teatro, cine... Esas persoas se cadra precisan un recoñecemento para moverse, para sentir orgullo, para non asumir como sempre se nos dixo, que o galego é cousa “de pailáns”. Iso que tan ben saben repetir e amplificar con novos discursos dende as instancias de poder actual.

É hora de facernos valer tamén como xente que traballamos coa lingua dende diversas facetas. Todo o mundo é benvido e por iso me gustaría contar con vós, coas vosas ideas e arte para fomentar a conciencia crítica. Podemos utilizar centos de recursos que combinados poden cambiar este país, dende compartir e recoller música (mesturar cos novos estilos, co popular...) ou léxico ata facer da retranca o noso estandarte (podemos facer un enterro da lingua retranqueiro, publicar o seu obituario nos xornais que tanto fan por esmagala, contar contos), dar a coñecer á cidadanía os moitos logros que se fan dende o galego e que non se visibilizan. Xunt@s podemos chegar realmente á cidadanía, axitar a prensa que por unha vez se interesa desgraciadamente por este tema e falar coa nosa voz alta e clara.

Para comezar a cohesionar esta idea gustaríame que nos vísemos en Compostela o día 2 de xullo para comezar a andar, e debater as ideas base que queremos defender e como imos facelo. Dende o meu punto de vista, os obxectivos deberían centrarse en temas como:
-galegofalantes non somos minoría
-a democracia non é impoñer o que queren os colectivos con poder (sexan por razón de lingua, sexo, orientación sexual, relixión, clase, etc) senón crear un lugar onde todas as persoas poidan desenvolverse en igualdade
-a defensa do idioma galego non é unha imposición senón un dereito, sobre todo na educación e na administración.
-a única lingua que se impuxo e impón é o castelán
-o galego é riqueza, é pensar en diversidade fronte a un pensamento único que está directamente vinculado ao fascismo
-o galego únenos a miles de pobos dado que somos unha maioría a nivel mundial as persoas que vivimos en entornos plurilingües, por moito que pareza o contrario (de feito tende a dicirse que Portugal é o único país monolingüe polo menos de Europa e nós sabemos que nin iso é certo).

Gustaríame aclarar finalmente tamén que o meu papel en todo isto non é máis que o de tentar catalizar o que todas e todos nós queremos e podemos sen dúbida conseguir e o de se cadra dar os primeiros pasos no camiño. A miña experiencia no traballo en cooperación dime que esta é a vía do cambio, a que temos que seguir. E se non funciona prefiro polo menos dicir que o intentamos.

Se estades minimamente de acordo con todo isto e queredes dar as vosas ideas, participar, sacar a rabia que levamos dentro de xeito creativo, por favor contestade e espallade este correo. Contestade dicindo a que hora poderiades quedar o día 2 a ser posible antes do día 28 de xeito que poidamos buscar un lugar axeitado para vernos dependendo de canta xente sexamos. Porque as ameazas son tamén oportunidades, comecemos a andar o camiño da esperanza.

M

19.6.09

O estercoleiro de Educación

Vaia estercoleiro están montando os neopepés co tema da lingua. Pero hai cousas que xa comezan a poñérselles en contra. Ora, o enrarecemento do ambiente conseguírono, sen dúbida. Máis que gobernar, iso chámase desgobernar. En calquera caso, aínda que xoguen á confusión, tampouco somos tan tontos, e vemos ben a quen lle dedica un sorriso cómplice o Conselleiro de Educación, que non debe soportar a lingua galega. ¿Cuanto gallego está dispuesto a soportar? Que un Conselleiro se digne a recibir a estes racistas da lingua é ben indicativo e denota a súa actictude e empatía. Pois nada, señor Conselleiro, siga apoiando aos que marxinan e discriminan.

17.6.09

Represión contra os centros que informan

Acabo de recibir vía mail esta información, que reproduzo. Aproveito para animar e felicitar a todo o profesorado de Galicia por ser Fuenteovejuna.

Ás compañeiras e compañeiros traballadores do ensino en Galicia.

No centro no que son director, CEIP Isaac Peral de Ferrol, o equipo de Normalización e Dinamización Lingüística decidiu enviar ás nais e pais de alumnas e alumnos (a respecto da consulta sobre a utilización das linguas por parte da Consellería de Educación), a información do tríptico: AS LINGUAS SUMAN, promovida pola Coordinadora galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, que ademais contaba co apoio da “Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo”, do “Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña” e das “Escolas Católicas Galicia”, entidades nada sospeitosas de ir en contra da legalidade vixente e doutro documento, asinado entre outros por A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación de Directores e Directivos de IES, AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), CIG-Ensino (Confederación Intersindical Galega), Comités, Coordinadora de Equipas de normalizacióon Lingüística de Ferrolterra, Coordindora de Equipas Normalización Lingüística de Compostela, Federación de ANPAS de centros públicos de Ferrolterra, NEG (Nova Escola Galega), STEG (Sindicato das traballadoras e traballadores do ensino de Galiza). Sinaladas en negriña ás que directamente están relacionadas xeográficamente co CEIP Isaac Peral de Ferrol.
Nestes días tivemos coñecemento directo e indirecto de muitos centros de ensino de toda Galicia que remitiron aos pais do alumnado a mesma ou similar información, sen que iso deba alterar “ o proceso ” de enquisa antedito. Persoalmente non creo que dar información, da que teñen capacidade de ofrecela os equipos de NeDL segundo o ROC (Regulamento Orgánico de Centros, artigo 68) supoña un problema para que como cidadáns libres teñamos unha maior óptica dos temas e logo cadaquen coa súa idea…
Por todo elo e sendo denunciada a dirección do meu centro polo “senador del Partido Popular Juan Juncal”, é polo que a aqueles que queiran e que o estimen oportuno, manifesten o seu apoio cunha forma moi sinxela, se é do voso agrado:
suscribir enviando un correo ao meu enderezo particular (luisdocampo@edu.xunta.es) co texto que segue a continuación, na páxina 2 (enviade só a páx. 2). É interesante que vaia neste formato porque a mellor opción para non malgastar papel será para mín incluir eu persoalmennte, un tras outro, os escritos de apoio, para enviarllos á Consellería se fora o caso ou a D. Juan Juncal, ou a quen corresponda, por esa vía tan moderna e democrática que é o correo electrónico que ata ten validez sen levar sinatura manifesta (caso de case toda a documentación que nos chegou sobre “el proceso de consulta”

Adxúntovos a nota de denuncia e unha posible resposta persoal a el ou aos medios.
Juncal, 16-06-09 / 16:37 h
(Galicia) POLITICA,PARTIDOS
PP denuncia colegio Ferrol reparte tríptico de A Mesa junto con encuesta(curiosamente desapareceu o enlace ás 11.50 h. do 16 de xuño)
J. Luis Docampo Amoedo, director do CEIP Isaac Peral de Ferrol

Eu ………..…………………………………………………………..………, …………………… (profesor/a, membro dun equipo directivo, claustro, ...) quero manifestar o meu apoio e solidaridade ao equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do CEIP Isaac Peral de Ferrol, e ao seu director, ante a denuncia feita polo senador do PP de Ferrol, D. Juan Juncal, por facilitar no seu centro a información do tríptico (que non promoveu nin elaborou A Mesa):
- AS LINGUAS SUMAN, promovida pola Coordinadora galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, que ademais contaba co apoio da “Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo”, do “Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña” e das “Escolas Católicas Galicia”, entidades nada sospeitosas de ir en contra da legalidade vixente
- - doutro documento, asinado entre outros pola Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e a Federación de ANPAS de centros públicos de Ferrolterra,


Asdo:

15.6.09

Insumisión nos centros coas enquisas

Algúns centros de ensino están actuando con verdadeira responsabilidade fronte á censura da Consellería de Educación, que pretende impoñer o castelán mantendo na desinformación ás nais e pais. A responsabilidade, neste caso, é sinónimo de insumisión, de rebeldía, pero tamén de xustiza, de saber antepoñer os principios éticos e pedagóxicos sobre a lei do silencio coa que a Xunta de Galicia espera resultados favorables á imposición do castelán a través dunhas enquisas xa previamente escoradas e manipuladas de abondo.

Este Conselleiro de Educación, apoiado por Feijoo, está metendo a pata ata o fondo, incrementando o malestar nos centros e dando por feito que se pode manter a todo o mundo na ignorancia da que el fai gala. Desde Cabrafanada, parabéns a todo o profesorado e aos equipos directivos que, con valentía, son quen de asumir a súa propia responsabilidade, aínda que sexa desobedecendo ordes propias dunha tiranía. Moitos parabéns. A continuación reproduzo un dos moitos textos que se están facendo circular.

Lingualoxía (2)

12.6.09

Enquisa sobre o galego

Enquisa sobre o bilingüismo da Xunta de Galicia aos pais, nais e centros de ensino.

Elixa vostede a lingua que prefire para educar ao seu fillo/a:

—Opción A: Español
—Opción B: castellano

Proximamente, a Xunta de Galicia dará a coñecer os resultados das enquisas.

10.6.09

En galego, por que non

Aínda non está na web da editorial Galaxia (non o podo enlazar), pero o pasado domingo tiven ocasión de devorar enteiriño este libro –estratéxico, sen dúbida– que acaba de publicar Manuel Núñez Singala na editorial que dirixe Víctor Freixanes: En galego, por que non? Contra os prexuízos e as simplificacións sobre a lingua galega. Un libro fresco, útil, necesario, ameno e ben escrito. Sen dúbida, será un libro fundamental para contrarrestar os moitos prexuízos aínda vivos sobre a lingua galega e que algúns, interesadamente, teiman en perpetuar. Non cabe máis que darlle moitos, moitos parabéns ao seu autor.

Recoméndoo vivamente, para todos os públicos e idades, aínda que está dirixido especialmente a combatir os prexuízos sobre o galego entre a mocidade. O capítulo sobre a imposición do galego debería ser de lectura obrigatoria para os conselleiros do PP (moi especialmente para o de Educación).

O libro de Singala sae nunha nova colección que a Galaxia dedica á Intervención social e á didáctica e dentro da campaña Bocaberta que a editorial fai en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cando aínda estaba en Presidencia. Este é o texto da súa contraportada:

"En galego, por que non? é un libro escrito desde a lóxica máis esmagante, desde o sentido común máis evidente. É un libro para pensar sobre o galego e sobre as nosas actitudes fronte á lingua de Nós. A través de exemplos moi concretos e doados de entender, asistiremos a un exercicio de derruba dos prexuízos e as simplificacións que seguen tendo, arredor da lingua, un eco notable na opinión pública. Un libro para entendermos que optar polo galego (por que non?) non é algo antigo, nin errado, nin minoritario, nin, desde logo, algo propio de radicais ou de intelectuais desconectados da realidade social".

8.6.09

Escarallado por reformas

Nun artigo publicado en xullo de 2006, no semanario A Nosa Terra, escribía eu o seguinte:

O universo do pop e do rock en galego está en ebullición. Ferve, e séntese na cazola o ruído das burbullas, que rebulen co imparable ascenso da temperatura. Desde a Radio Galega, Xurxo Souto (na dirección de programas e no seu fascinante Aberto por reformas) e Belén Regueira co seu magnífico Extrarradio, prenden día a día o lume para que a cazola eleve o punto de ebullición. A forza vital do ex-diplomático (que no pasado foi quen de tecer a abraiante arañeira do bravú) está abrindo horizontes coa súa prodixiosa capacidade comunicativa.


Hoxe a nova liña política da Radio Galega apresurouse a extinguir o programa, aínda que lle manteña o título, e está botando a pique un proxecto de radio ao servizo da cultura galega que tanto custou conquistar, logo de 16 anos dun ermo desesperante. Con todo, ninguén permanece impasible; as reaccións son unánimes.


Actualización 23:00 h. Acabo de coñecer e de asinar o "Manifesto básico pola defensa da RTVG contra a censura e a marxinación da música galega" e xa o asinei. Anímovos a tod@s a facelo.

7.6.09

Europa encolle

Europa encolle. Ao fracasado intento, hai uns anos, de crear unha constitución europea, engádense agora estas eleccións que acaban de revalidar a algúns dos máis patéticos personaxes europeos, o que pon de manifesto unha vez máis que a democracia non reside exclusivamente no voto senón tamén na capacidade das pesoas e da cidadanía para exercer o pensamento crítico, o dereito á cultura e a defensa dos valores ligados á liberdade e á xustiza.

E aínda que aquí, estas eleccións non poden ser entendidas en clave galega, o certo é que o BNG, malia presentar unha excelente candidata, saca os seus peores resultados desde 1989 (hai 20 anos) o que dá idea da gravidade da situación que vive o partido, totalmente desnortado.

O peor é que ao PP de Feijoo estes resultados dánlle azos para seguir aplicando a chulesca política apartheid contra a lingua galega que está a impoñer. En calquera caso, coa lingua galega todos somos Nelson Mandela.

3.6.09