30.6.09

Gondomar protesta

Gondomar protesta é o nome do inicipiente movemento veciñal contra a moción de censura, que onte á tarde reuniu unha enorme masa de veciños en Gondomar, armados de chifres, asubíos, cacerolas e todo tipo de artiluxios para protestar pola actitude da oposición. A moción de censura é posible pola acción de catro tránsfugas do PSOE que xa foron desautorizados polo seu propio partido desde Santiago e pola propia agrupación de Gondomar; de feito, os seus dirixentes participaron na concentración popular de onte.
As protestas repetiranse diariamente ás 21 horas diante do Concello, excepto hoxe, que será ás 19.45 diante do auditorio Lois Tobío, lugar onde está previsto o último pleno –fixado previamente– antes da moción de censura. Con todo, o rumor máis estendido por Gondomar é que os concelleiros da oposición non van aparecer, para impedir a celebración dese último pleno.
Outra das protestas que está en marcha desde onte, especialmente singular, é a sincronización dos veciños ás once da noite para poñer nos nosos aparatos de música un CD que contén tres melodías (a elixir unha) de zanfona, e que se emite situando os altavoces na ventá das vivendas. Quen recibe o CD está obrigado a facer copias e distribuílas, amplificando o radio de acción da protesta.
Indignación, pero tamén imaxinación, sentido lúdico, e unha vontade irrenunciable a que a cordura e a racionalidade sexa o que presida o goberno municipal de Gondomar constitúen os factores que desencadenan esta protesta que está a estenderse como unha bola de neve, sen que as máquinas excavadoras de Rafael Louzán poidan facer nada para impedilo. E é que os cartos non o poden todo.

1 comentario:

  1. magnífica la capacitat de reacció veïnal!

    ResponderEliminar