3.5.05

Autopoética

Hai uns días pedíronme unha autopoética para unha antoloxía. Confeseilles que non me gusta nada facer autopoéticas. Paréceme cousa parva, francamente. O exercicio de explicar cada un dos meus libros xa o fago durante a «campaña de promoción» (por certo o espírito da maioría dos e das poetas parece incompatible con semellante cousa, a de explicaren os seus libros), así que non teño nada que dicir sobre a miña poética de non ser que o propio libro mo pida (como me pasou co epílogo de «Subversións»). O que fixen, para solucionar o problema desa antoloxía, foi botar man dun texto que me pediran hai xa un par de anos para outra antoloxía que ía saír en nonseiqué editorial madrileña da que nada sei (como nos pasa aos escritores con extremada frecuencia).
E digo todo isto porque vou reproducir aquí a devandita autopoética, que é, dito sexa de paso, bastante pouco poética pero si bastante auto. E non é que desexe poñerme pesado con autopoéticas nin tampouco que a poesía se puxese de actualidade. Nin moito menos. É que estes días recibín un correo dunha rapaza dun instituto de Tui, Adriana, que está a facer un traballo sobre a miña obra poética, así que decidín pendurar en Cabrafanada a autopoética. Por certo, hai unhas semanas tamén me mandou un correo electrónico unha estudante de Filoloxía Galega que estaba a facer un traballo sobre «Persianas, pedramol e outros nervios» (e que me facía unhas preguntas excesivamente xerais) e, se acaso lese este cosmocaderno, que saiba que lle contestei, como adoito facer, pero o envío ao seu enderezo sempre me veu rebotado. Ben, pois aí vai a tal autopoética. E das listas electorais do BNG falamos outro día, que hoxe aínda estou aturdido polo golpe. (Por inxenuo).

AUTOPOÉTICA
A poesía, para min, é profundamente subversiva, flexible como o chicle, e ten propiedades diuréticas; alivia porque é un magnífico tranquilizante sen prospecto. En doses altas, crea adicción ou alerxias. A súa capacidade subversiva ou as súas reaccións alérxicas permíntenme deitar unha ollada interpretativa, inqueda e oblícua sobre o meu tempo, do que son fillo inexcusable. E tampouco me interesa outra cousa. (Polo de agora).

Ningún comentario: