14.5.05

Balada solitaria

O vindeiro venres día 20, ás oito e media da tarde, presentarei o meu último libro, titulado Balada solitaria, na libraría Libros para soñar de Vigo. Para as persoas que non a coñezades, a fermosa libraría da editorial Kalandraka está na rúa Triunfo 1, no casco vello vigués, ao lado da Praza da Constitución. Pero non vos confundades, Balada solitaria non é un libro infantil. Nada máis lonxe. Pola súa temática e pola súa dureza, é un libro exclusivamente para adultos. É un longo poema (con argumento, trama e desenlace) relatado a través de dúas linguaxes: literaria (a miña) e fotográfica (a do artista gráfico portugués Renato Roque). Ten vocación anticomercial e non se adscribe estrictamente a ningún xénero literario, aínda que eu o considere parte da miña obra poética.
Balada solitaria foi publicado en Portugal polas Edições Eterogémeas e só se distribúe no país veciño, polo que en Galicia non poderá ser atopado e mercado máis que o día da súa presentación, o vindeiro venres. A introducción do libro fíxoa Teresa Siza, directora do Centro Português de Fotografia , dependente do Ministério de Cultura portugués. En Portugal xa se presentou no Porto e na fascinante e imaxinativa libraría O navio de espelhos de Aveiro. En Vigo, a presentación consistirá nun espectáculo literario: a través dun canón de vídeo, o fotógrafo Renato Roque proxectá as imaxes do libro; eu, mentres, darei lectura ao texto íntegro baixo a música do compositor portugués João Lóio. O editor, Luis Mendonça, tamén estará presente no acto. Amais de director das Edições Eterogémeas é ilustrador e deseñador gráfico. Como ilustrador adoita asinar baixo o seudónimo de Gémeo Luís.
Como vos dicía, en Balada solitaria fúndense dúas linguaxes (propias de cada un dos autores e ao tempo moi distintas) para contar unha historia, dúas linguaxes que sintonizan, enténdense e compleméntanse a partir da súa diferenza, da diverxencia dos seus soportes, para crear unha mesma tensión narrativa, para relatar o desacougo e o cambio das relacións humanas na sociedade contemporánea. Con franqueza, o resultado é sorprendentemente harmónico, porque o fotógrafo Renato Roque conseguíu, desde a súa perspectiva, sintonizar co espírito do texto.
Renato Roque (Porto, 1952) é artista gráfico, publicou diversos libros de fotografía e realizou numerosas exposicións da súa obra fotográfica tanto en Portugal (Porto, Aveiro, Braga, Lisboa, Matosinhos...) como no estranxeiro (Luxemburgo, Bruxelas, Bretaña, Mozambique...) Renato Roque impulsou múltiples proxectos fotográficos e de escrita, moitos dos cales foron editados en libros (Espelhos, 1992; Arcas de Sonhos , 1994; Renato no País das Manchinhas , 1997; A hora sua, 1999; Corpos de cidade, 2001; D’ouro d’Alendouro , 2003).

Ningún comentario: