22.10.06

O Val Miñor, anegado

A auga está a douscentos metros da miña casa. Desde a ventá do cuarto da miña filla vexo a enorme lagoa que formou o desbordamento do río Miñor. Nestes momentos, o lugar onde está a miña casa é unha especie de península. Chámanos unha amiga e dinos que en Sabarís a situación é caótica, debido ao desbordamento do río. Durante a noite, a chuvia e o vento golpearon as ventás con rabia incontrolada e, desde a cama, podía escoitar o furioso abaneo das árbores. Entro na rede e leo algo sobre as inundacións en Sabarís. A iso da unha e media saio co coche a mercar a prensa e aproveito para comprobar como está a situación. Da miña casa, só se pode saír pola estrada da depuradora en Donas, pois a ponte de Mañufe está cortada pola policía municipal debido ao desbordamento do río. Decido ir directamente a Sabarís, pero por Borreiros, pois dese xeito saio xusto no centro da vila. Antes quero saír á xeral da Ramallosa a Gondomar pola estrada da depuradora, para valorar a gravidade das circunstancias. Efectivamente, o río tamén cubriu esa estrada e circulo coa auga á altura das rodas. Unha vez na estrada xeral, dou volta e diríxome a Sabarís por Borreiros. En pouco tempo, atópome no centro de Sabarís, absolutamente cuberto da lama, auga e cinza mesturada con terra. Retorna o pesadelo dos incendios, agora convertido en borralla. Hai moita xente na rúa, con catiuscas, con pas, con basoiras. Avanzo até cerca da ponte, pouco antes da estrada que sobe a Belesar e decido aparcar o coche. A paisaxe é impresionante, como se acabase da producirse un bombardeo. Intento achegarme á librería para mercar a prensa, se é que non se lles mollou, pero vexo que non é posible: os pés afúndenseme na lama, que me traga todo o calzado. Retrocedo e decido que xa mercarei a prensa na Ramallosa. Pouco despois da ponte, o tráfico está cortado pola policía municipal. Nestes momentos non chove, así que aproveito para botar un ollo á situación. Comprobo que xa baixou moito o nivel da auga, pero nos baixos das casas vense as marcas que deixou a riada, que me dan pola cintura. A maioría das rúas transversais están enlamadas, cheas auga, táboas e de todo tipo de obxectos. Na canle do río, pegado contra a ponte, descubro un enorme arcón conxelador dado a volta. Pouco máis alá, dous coches, montados un sobre outro, arrastrados pola riada, apuntan co capó contra o ceo, destrozados.Todos os baixos das casas están anegados, enlamados, e cos enseres perdidos. Na porta dun supermercado, as caixas de froitas, verduras e legumes, esparexidas polo chan, aparecen cubertas desa lama cincenta e escura que o invade todo. Comeza a chover de novo, resulta difícil avanzar a pé entre a auga e a lama, e a partir do lugar onde está o tráfico cortado a situación empeora considerablemente. Esa estraña paisaxe da desolación, tan infrecuente nun lugar tan familiar para min, lémbrame á Nicaragua asolada polo furacán Mitch, que percorrín a finais de 1998. Finalmente, decido volver ao coche porque a chuvia é moi forte. Desaparco, dou volta na propia rúa e espero a que o tráfico avance. Logo, desvíome por unha calella lateral, completamente enlamada, que me leva até a estrada que vai pegada á foz do Miñor. Avanzo moi a modo e con dificultades, debido á altura da lama. Unha vez na rotonda, decido renunciar a dirixirme cara a Baiona, porque o tráfico está colapsado. Detéñome a mercar a prensa na Ramallosa e collo cara a Gondomar. Escoito na radio do coche que está cortada a ponte de Mañufe, cousa que xa sei. Xa chegando á vila comprobo que efectivamente, está cortada desde o cruceiro. Pouco máis adiante, observo varios coches detidos á beira da estrada, diante dun futuro edificio da construtora Fajo.O edificio aínda consta unicamente duns xigantescos muros de contención para os garaxes, obra na que levan traballando moito tempo, pero a través dos condutos de ventilación deses muros, a auga entra a grandes chorros, convertendo aquilo nunha xigantesca e impactante piscina. Matino no triste futuro de quen se atreva a mercar un piso nese lugar. En Gondomar, comprobo que o desbordamento é o habitual do río Miñor nos últimos anos: está anegado o parque da Coelleira, o Centro de Desenvolvemento Comarcal (a antiga sede do colexio Chano Piñeiro), e o parque onde está a restaurada ponte do Peto das Ánimas. Na Coelleira, a auga non alcanzou a zona dos xogos infantís, pero deixou a ponte de madeira no medio dunha lagoa. Entre Gondomar e A Ramallosa, o río está desbordado practicamente en todo o seu percorrido, nunhas zonas máis ca noutras. A presión urbanística dos edificios do casco urbano de Gondomar está a facer que os lugares de crecida natural do río se despracen cara a outras zonas, coas conseguintes inundacións que eses cambios provocan. Cando, finalmente, regreso á casa, a auga baixou bastante, pois na estrada da depuradora apenas hai grandes charcos. A improvisada lagoa, en cambio, continúa a douscentos metros da miña casa. O problema nestes momentos, comentaban con temor en Sabarís, é que a marea comeza a subir, co que os desbordamentos na zona poden incrementarse se continúa a chover. O problema máis grave, sen dúbida, está en Sabarís. Veremos que pasa.
[A foto é dos desbordamentos do pasado ano nas proximidades da miña casa.]


Ningún comentario: