Como chegou á casa un pouco máis cedo do habitual, tivo tempo a sentarse un anaco no sofá, preparse un café e descansar. Desde había un par de meses, ela acudía puntualmente á súa cita diaria. Estaba seguro de que, polo tanto, hoxe tampouco podía fallar.
Cando considerou que estaba a piques de aparecer, dirixiuse ao cuarto de atrás, axustou a persiana de xeito que lle permitise observar a través das fírgoas sen ser visto, acomodouse na cadeira e esperou, pegado contra as lamas de plástico, a que ela aparecese.
Ela apareceu, tan puntualmente como todos os días, preparada para facer aqueles movementos de balet que practicaba desde que se trasladara a esa vivenda, ou polo menos desde que, había dous meses, el a descubrira.
Como todos os días, ela comezou a espirse, a modo, moi sensualmente, ao ritmo da música, soltando con suavidade cada unha das prendas mentres se deixaba posuír polo ritmo, polo baile, pola danza. Logo, xa completamente núa, tamén como todos os días, acelerou os movementos, facéndoos máis suxestivos, máis intenso e máis eróticos.
El observouna, como todos os días, cos ollos enchufados contra as fendas da persiana, sen perder detalle, contendo a respiración pois temía estupidamente que chegase a delatalo.
En cambio, aquel día, descubriu tamén que ela facía algo que non fixera nunca. Así que puido ver como se agachaba, como erguía unha pistola, como apuntaba contra a persiana tras a que el se escondía e como lle disparaba, sen que lle dese tempo nin a reaccionar.
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.