Aquela tarde, antes de subir ó tren, pasara moito tempo diante do espello. Afeitárase, lavara os dentes, peiteárase, cepillara as pestanas, as cellas, vestira o seu pantalón texano de luxe, a camisa azul, o chaleco de coiro, axustara o pano vermello arredor do pescozo e encaixara adecuadamente na cabeza o seu sombreiro de cow-boy. Logo agarrara a bolsa, que xa tiña preparada, marchara á estación e sacara un billete para Ourense no Expreso de Madrid. Cando entrou no tren, a ilusión brilláballe en cada reflexo dos seus ollos estrelados. Estaba impaciente pero, con resignación, agardou ata deixar atrás a estación de Filgueira. Despois pechouse nos servicios do vagón. Sacou da bolsa a cartucheira e as pistolas de fogueo e prendeunas ó cinto. Tamén colocou a estrela de xérif á altura do corazón. Acendeu unha faria. Mirouse no espello por última vez e saíu dos váteres. Dirixiuse directamente ó compartimento elixido. Viaxaban nel un señor entrado en anos, un soldado, unha muller maior acompañada da súa neta, e un home de garavata que lía o xornal. Coa pistola na man, abriu a porta do compartimento, apuntando aos pasaxeiros. Puxo o xesto grave cando lles explicou que era un atraco, que non tiñan nada que temer e que a súa única obriga era depositaren as pertenzas máis valiosas no seu sombreiro vaqueiro, que a continuación estendeu cara a eles. Á muller tremábanlle as mans, invocaba os ceos e non podía agachar o seu nerviosismo. A medida que os pasaxeiros ían depositando carteiras e os reloxos no sombreiro, el chiscoulles o ollo a cada un. Cando rematou, depositou o sombreiro no chan, no medio do compartimento, disparou contra o teito a pistola de fogueo e, facéndolles unha reverencia, anuncioulles aos señores pasaxeiros que tiveran a fortuna de presenciar de balde unha das actuacións estelares de John Balan.
Os viaxeiros do vagón vírono por última vez na estación de Ribadavia, afastándose polo andén, esposado e custodiado pola parella da Garda Civil. Tiña a ollada líquida e desaparecéralle aquel brillo de ilusión co que lles falara.
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.