Nas primeiras lembranzas que teño de Ramiro Fonte, había unha barra polo medio. Eran os anos oitenta e os poetas vigueses da xeración desa década saían de cando en vez a tomar as copas ao pub Xentes, onde eu traballaba. Ramiro Fonte vivía moi perto de alí, na rúa Canceleiro. Logo, cando rematei os estudos universitarios e o meu labor profesional se desenvolvía no Diario 16 de Galicia, coincidín novamente con eles cando eu era asesor lingüístico e redactor de cultura e eles comezaron a elaborar, para o xornal, o suplemento Galicia Literaria. Naquela época, en decembro de 1990, cando Ramiro Fonte tiña 33 anos, fixéralle unha entrevista, con motivo da publicación de Adeus Norte, da que extraio estas palabras:
«A poesía sempre coxea de moitos pés. Faise de acertos e de erros. Salvos eses grandes poetas que ves que son auténticos continentes e que teñen un poderío verbal que te deixa absolutamente asoballado, o certo é que todo poeta debe ser consciente dos seus límites, de que a poesía se fai con acertos e con virtudes. A min gústanme moito os poetas galegos da miña xeración e coido que se pode aprender neles. A poesía galega nos poetas que son poetas, é dicir, que teñen unha actitude poética frente a súa obra, fronte á súa vida, non coxea. Hai poetas e non hai poetas, e cando hai poetas por suposto que tamén hai erros, hai dúbidas, hai pasos adiante e pasos atrás. Eu son moi optimista coa poesía que se produciu en Galicia nestes últimos anos».Con posterioridade, cando eu xa publicaba, as discrepancias ocasionadas pola polémica xeracional dos 90 tensionaron a nosa relación, tensión que o tempo se encargou de apagar. O certo é que deixa unha obra poética e narrativa sólida, produto dunha reflexión literaria extremadamente coherente e que a literatura galega se queda sen a voz poética dos 80 máis recoñecida fóra das nosas fronteiras.
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.