17.5.17

Carlos Casares: «A intolerancia é o que máis me revolve o estómago»


Esta entrevista rápida fíxenlla a Carlos Casares en 1991 e publicouse na contraportada do Diario 16 de Galicia. Está reunida, xunto con outras 33 entrevistas máis, no meu libro Contesta ou disparo, que se pode descargar gratuitamente da miña web. Fíxenlle outras, xa longas, que terei que rescatar.


«A intolerancia é o que máis me revolve o estómago»


Carlos Casares Mouriño, escritor, é autor de novelas como Os mortos daquel verán ou Xoguetes para un tempo prohibido. Ademais, é tamén o director dunha editorial histórica: Galaxia.



O libro seu do que estea máis satisfeito.
—Aínda que é difícil de dicir, talvez de Ilustrísima e de Os escuros soños de Clío

Un libro que lle gustaría publicar na súa editorial.  
—Todos os grandes novelistas europeos do século XIX. 

Un escritor.
—Flaubert e Eça de Queirós. 

Un título.
 —Madame Bovary.
Un mestre.
—Tolstoi, como novelista. 

Algo que lle revolva o estómago.  
—A intolerancia. 

Algo que lle produza vergoña allea. 
 —A ignorancia atrevida. 

A que idioma lle gustaría que o traducisen?
—Ao inglés, porque non estou traducido a ese idioma. 

Que eliminaría da cultura galega?  
—A incultura. 

Que lle falta á cultura galega?  
—Máis cultura. 

Que faría de novo se volvese nacer?  
—Probablemente vivir máis no estranxeiro. 

Aceptaría ser conselleiro de cultura?  
—Non

Ningún comentario:

Publicar un comentario