19.3.18

Versión actualizada dos meus «5 motivos para ler poesía»

No ano 2007 os responsables da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia solicitáronme un texto que animase a ler poesía para celebrar o 21 de marzo, Día Mundial da Poesía. O texto, que lin no Mercado de San Andrés na Coruña durante a presentación oficial da campaña, publicouse nos principais medios de comunicación do país e tivo unha excelente acollida nos centros de ensino e nas bibliotecas públicas e escolares. Tituleino 5 motivos para ler poesía. Desde aquela, os meus 5 motivos para ler poesía circulan por internet, en pdf ou copiados nos blogs, espallados polas distintas redes sociais e empregados como recurso didáctico. Non podo máis que agradecer ao profesorado, ás persoas responsables das bibliotecas e aos lectores e lectoras o entusiasmo con que acolleron e compartiron os 5 motivos para ler poesía.
Nestes anos tamén apareceu unha versión que se espallou por distintos blogs e que contén algunha frase que non é miña. Por exemplo, na primeira fase do quinto motivo aparece o seguinte:

«O importante da poesía non é obsesionarse con descifrala (besito tarantino), senón saber gozala, sentila, e intuíla». 

Evidentemente, eu non son o autor dese besito tarantino, que non figuraba na versión orixinal e que non ten sentido ningún. Ao longo destes once anos, apareceu tamén unha tradución ao castelán, que non fixen eu, e que se espallou por lugares como as bibliotecas públicas españolas

Así que, en vista da excelente aceptación que tiveron os meus 5 motivos para ler poesía, decidín revisalos, actualizalos, e lanzalos de novo nas vésperas do 21 de marzo de 2018.
En consecuencia, poño a disposición de quen o desexe, estes 5 motivos para ler poesía, revisados e actualizados.





Cinco motivos para ler poesía 

1 A poesía é unha barricada de palabras rebeldes que ilumina o camiño da vida e deita luz sobre o mundo. A poesía non morde, non manca e, aínda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, nin cursi, nin difícil. E hai moitos tipos de poesía para que elixamos.
 2  A poesía serve para ler, cantar, discrepar, berrar, recitar, rapear, musicar, declararse, rebelarse contra o mundo ou unicamente para falar suave á orella. Tamén é un somnífero para durmir ben, unha pastilla sen química que mellora a saúde e o benestar e aguiza o pensamento. Serve, sobre todo, para explicar as razóns e as emocións que non veñen no dicionario.
 3  Os poemas son como caixas de ferramentas, valen para todo: para sentilos, manosealos, lelos, cheiralos, gardalos nun armario, ensucialos, para ligar, para poñelos enriba da cabeza, penduralos na parede, limpalos, recortalos, reescribilos, merendalos nun bocadillo de papel, ordenalos, metelos na neveira e lelos coa cabeza máis fría, ou deixalos sobre a cama para devoralos á noite, clandestinamente, cando todos se deitaron. A poesía cura enfermidades como a impaciencia, os nervios, os granos da cara, os pés planos, a dor de cabeza, as feridas imprevistas, as dores de amor, as indixestións, os enfados, a ansiedade e as gripes.
 4  A poesía pode estar nas cousas que nos rodean a diario, nas letras das cancións, no graffiti da parede do barrio, na soidade, no supermercado, nun sorriso inesperado, na moto, nas causas xustas, no váter, na esperanza, no calexón sen saída, no mar contaminado, na tristura, no ceo cuberto, no ordenador, nun berro, na paisaxe, na conversa e nas rúas. Onde ti queiras.
 5  O importante da poesía non é obsesionarse con descifrala senón saber sentila, gozala e intuíla. Na poesía reconforta sentir a forza das súas palabras, o seu ritmo, a súa musica, a súa sonoridade, as chiscadelas que por veces nos deslumbran, as imaxes fascinantes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Poetizarse. En definitiva, facer da poesía un pracer.


Fran Alonso


Ningún comentario:

Publicar un comentario