O asasinato machista de Baiona pon de relevo, unha vez máis, a brutalidade e a crueza adherida á cultura patriarcal. E tamén pon de relevo, unha vez máis, a resistencia criminal e feminicida de moitos homes que non están dispostos a asumir as premisas da igualdade como único xeito de relación xusta, racional e civilizada entre homes e mulleres. Esta vez, un profesor de matemáticas de Secundaria –e, novamente, a condición social ou formativa non determina a orixe da violencia machista– infrinxiu o máis despiadado dos asasinatos, non só matando á súa exmuller –avogada– senón incluso cometendo o crime diante dos ollos dos seus dous fillos, que dificilmente poderán esquecer o abominable feito do que foron testemuñas no resto das súas vidas.
É moi evidente que a violencia de xénero estivo sempre aí ao longo dos séculos, mesmo cun maior nivel de intensidade, aínda que non aflorase publicamente e fose silenciosamente asumida e agochada. E é moi evidente que os homes arrastramos ese putrefacto fedor pegado á pel como unha marca de xénero. Pero o feito de que hoxe exista ante ela máis rexeitamento social e unha sensibilidade de maior calado –aínda que claramente insuficiente– focaliza esa violencia e proxéctaa contra o noso día a día coma se fose un fenómeno novidoso, malia que non o sexa. Tamén é certo que as conquistas sociais do feminismo –como en xeral calquera tipo de conquistas sociais– provocan nos sectores resistentes a elas un efecto de oposición visceral que, ademais, atopa acubillo nas garras perversas da extrema dereita.
A violencia machista é un fenómeno socialmente corrosivo e totalmente inadmisible e quen o xustitique, abeire ou renuncie a condenalo de xeito contundente está sendo cómplice da infamia, da vileza e, directamente, da súa propia ruindade. E moito máis, se a complicidade ten identidade masculina.
Ningún comentario:
Publicar un comentario