18.12.22

Unha proposta poética conceptual: «Poemas inmóbiles de movemento estático», poemario en libro e vídeo



O vindeiro mércores 21, Antón Lopo e mais eu presentaremos na Fundación Euseino? (Rúa México 37, Vigo) o meu novo libro, Poemas inmóbiles de movemento estático, publicado pola editorial Chan da Pólvora. O libro estará distribuido a partir dese día polas librarías e na web da editorial. 

Poemas inmóbiles de movemento estático navega nesa procura insatisfeita que tento levar a cabo con cada novo título, unha procura que me permita avanzar e disfrutar da literatura, e mergúllase no desalento, na frustración e na relación entre o corpo e a mente. O libro inclúe ao final unha nube conceptual que substitúe ao índice e un código QR que conduce a un longo videopoema no que recito o texto. (Ao final desta anotación reprodúcese un fragmento do vídeo).

Reproduzo os metadatos do libro que figuran no libro e na ficha de Chan da pólvora:  

«Poemas inmóbiles de movemento estático afonda na liña que Fran Alonso ven desenvolvendo desde hai anos sobre as posibilidades plásticas da poesía, característica que neste libro se converte nunha eclosión. Pero non debemos levarnos a engano. Baixo as formas escintilantes agáchase o desacougo dos poemas, talvez os máis escuros que escribiu o autor. O libro xira arredor dun ser de natureza incorpórea, engastadao ao individuo que escribe e aturdido no desalento do frío, no abatemento do corpo, no humus da frustración. O ser debeu perderse na reiteración das palabras, no labirinto dos conceptos, na confusa arañeira que prendeu coa erosión da engranaxe neuronal mentres o corpo do individuo que escribe se arrastra pola dor, polo desalento, polo desencanto e pola palabra para procurar unha identidade (dubidosa) na incerteza da esperanza».





Ningún comentario:

Publicar un comentario