6.7.09

Manifesto veciñal contra a moción de censura

Os veciños e veciñas de Gondomar estamos indignados. Estamos moi indignados. E así o vimos manifestando na rúa, durante toda esta semana, desde que se fixo pública a escandalosa moción de censura.
Calquera que sexan as nosas simpatías políticas, calquera que sexa a nosa orientación ideolóxica, os veciños e veciñas de Gondomar temos o deber de mostrar a nosa máis enérxica repulsa ante todo o que está a suceder no concello, con esta moción de censura inxustificable e absurda que só busca saciar os intereses particulares daquelas persoas que a promoven.
Os veciños e veciñas de Gondomar non podemos permitir outra vez que a trapallada e a ilegalidade volva ao urbanismo do Concello; os veciños e veciñas de Gondomar non podemos permitir, baixo ningún concepto, que resucite o espírito da corrupción que no ano 2006 levou á detención de dous concelleiros do PP; os veciños e veciñas de Gondomar non podemos permitir que o caos e a desobediencia legal retornen a un concello que no período anterior estivo gobernado por un alcalde ao que os xuíces condenaron a ano e medio de cadea.
Os veciños e veciñas de Gondomar non podemos permitir que catro concelleiros tránsfugas, que só procuran o seu propio beneficio, dean un golpe de man, desoíndo as ordes do partido que os vai expulsar, e traicioando aos que os votaron a quen se deben en primeiro lugar.
E, sobre todo, os veciños e veciñas de Gondomar non podemos aceptar a inmoralidade de que acceda á alcaldía unha persoa que xa cometeu graves ilegalidades urbanísticas mesmo antes de acceder ao cargo. Un alcalde debe ser unha persoa íntegra, alguén que, co seu comportamento exemplar e gran sentido cívico, se convirta nun intachable xestor, guiado pola eficacia e pola honradez fronte aos recursos públicos. Os concelleiros son cargos electos ao servizo da cidadanía e están obrigados a servir democraticamente e con xustiza as persoas ás que representan.
Xa que logo, esta moción de censura parécenos un farsa irresponsable, unha comedia triste e patética e, sobre todo, un acto de malversación da política, pois a política ten como misión servir ao pobo e en ningún caso empregala en beneficio propio nin comerciar con ela ningún tipo de favores.
Os veciños e veciñas de Gondomar non queremos ser partícipes do discurso perverso e manipulado dos concelleiros que dán este golpe de man, desprezando as súas obrigas co pobo e o seu deber cívico, así como o sentido dunha democracia que os habilitou para ser hoxe o que son. Non queremos ser partícipes dos comportamentos dunha oposición que botou abaixo toda a acción de goberno no Concello, que fixo gala dun incansable afán destrutivo, e agora, logo de fomentar a confusión e o desgoberno, pretende presentar unha moción de censura para facerse co poder, baixo a escusa de que a confusión e o desgoberno os fomentaron outros.
Por iso, os veciños e veciñas de Gondomar apelamos á responsabilidade dos partidos políticos Partido Popular, PSOE e BNG e dos seus militantes e votantes, para que todos esixan, connosco, que se faga xustiza e se desista dunha moción de censura que só vai traer enfrontamentos e tensión ao noso concello.
Todo o mundo en Gondomar sabe que esta moción de censura non é democrática, que responde a intereses alleos ao verdadeiro sentido do servizo público. Todo o mundo sabe que a acta de concelleiro non é unha parcela privada, senón que hai que exercela democraticamente, con responsabilidade e respondendo ao sentido dos votantes que a outorgaron. Todo mundo sabe que os tránsfugas, se fosen consecuentes, deberían marchar para a súa casa en canto deixan de representar ao seu partido.
Por iso, os veciños e veciñas de Gondomar esiximos que o actual goberno municipal esgote o seu mandato, que os tránsfugas abandonen os seus cargos e volvan ás súas casas, deixando que os seguintes candidatos ocupen os seus postos e que permitan dunha vez por todas que a xustiza, a democracia, e a honradez se instale, definitivamente, en Gondomar.

Gondomar, sábado 4 de xullo de 2009

5.7.09

A araña e mais eu



Reproduzo os textos da folla de novidades de Kalandraka:

Sinopse:
Un día alegre, de súpeto, una araña gorda e fea... brincou desde o ceo
para aterrar no meu corpo.
A descarada, primeiro explorou unha deda do meu pé, avultada coma un kiwi. Logo, subiu aos meus nocellos, rugosos como a pel dunha mandarina.



O libro:
Un álbum de gran beleza artística e literaria, ideal para
todos os públicos, dende os primeiros lectores ata os
adultos, pola delicadeza coa que as palabras percorren
a xeografía do corpo humano na figura dunha nena,
comparando cada parte cunha froita, a través da súa
forma, tamaño e textura. O recurso da araña,
considerado socialmente como un animal pouco
agraciado, proporciona un sutil contraste e mesmo un
certo toque de humor, facendo partícipes os lectores
das sensacións que percibe a protagonista do relato
ante o itinerario que realiza o insecto. Esta obra ofrece
un achegamento visual e poético ao corpo humano.

4.7.09

A cultura do medo en Gondomar

O xoves, en Gondomar, na manfiestación contra a moción de censura, fun testemuña dun feito propio do século XIX, que non crería que fose certo se non chega a ser porque o vin cos meus propios ollos: a muller de Manuel Núñez, o candidato de Move Gondomar e un dos responsables da moción de censura, apuntaba nun caderno, desde o balcón da súa casa na Alameda, o nome das persoas que participaban na manifestación. En 2009 e facendo gala da cultura do medo!!!!

Onte venres,varios centos de coches engalanados con bandeiras de "moción=corrupción" e sen deixar de pitar percorrimos durante dúas horas e media practicamente todas as parroquias do concello, propiciando un espectáculo abraiante.

3.7.09

Vídeos das protestas veciñais en Gondomar

Os veciños de Gondomar protestan pola Moción de censura contra o goberno do BNG que presentaron o PP, Move Gondomar e catro concelleiros tránsfugas do PSOE. A plataforma veciñal percorre as rúas con asubíos e cacerolas baixo o lema "moción = corrupción".









Cara a unha radio sen pluralidade

Os comentaristas de opinión do programa Diario Cultural da Radio galega foron despedidos por "motivos económicos". Sóubeno a través dun correo de despedida de Helena González e outro de Débora Campos, e en ambos os dous casos, o despedimento inminente" se produciu logo das súas derradeiras intervencións: "Galeguismo cordial" e "Caladiños": "Mándanos estar caladiños. Non opinar. Nada dicir. E farémolo se así garantimos a pervivenza dese milagre radiofónico que é o Diario Cultural. Caladiños que non quedos. Caladiños que non apagados. Caladiños pero sabendo o que pasa. Caladiños pero activos. Caladiños, si. Pero calados en galego".

2.7.09

Galego, patrimonio da humanidade

Hai numerosos proxectos en marcha a prol do galego. Este é un deles.

30.6.09

Gondomar protesta

Gondomar protesta é o nome do inicipiente movemento veciñal contra a moción de censura, que onte á tarde reuniu unha enorme masa de veciños en Gondomar, armados de chifres, asubíos, cacerolas e todo tipo de artiluxios para protestar pola actitude da oposición. A moción de censura é posible pola acción de catro tránsfugas do PSOE que xa foron desautorizados polo seu propio partido desde Santiago e pola propia agrupación de Gondomar; de feito, os seus dirixentes participaron na concentración popular de onte.
As protestas repetiranse diariamente ás 21 horas diante do Concello, excepto hoxe, que será ás 19.45 diante do auditorio Lois Tobío, lugar onde está previsto o último pleno –fixado previamente– antes da moción de censura. Con todo, o rumor máis estendido por Gondomar é que os concelleiros da oposición non van aparecer, para impedir a celebración dese último pleno.
Outra das protestas que está en marcha desde onte, especialmente singular, é a sincronización dos veciños ás once da noite para poñer nos nosos aparatos de música un CD que contén tres melodías (a elixir unha) de zanfona, e que se emite situando os altavoces na ventá das vivendas. Quen recibe o CD está obrigado a facer copias e distribuílas, amplificando o radio de acción da protesta.
Indignación, pero tamén imaxinación, sentido lúdico, e unha vontade irrenunciable a que a cordura e a racionalidade sexa o que presida o goberno municipal de Gondomar constitúen os factores que desencadenan esta protesta que está a estenderse como unha bola de neve, sen que as máquinas excavadoras de Rafael Louzán poidan facer nada para impedilo. E é que os cartos non o poden todo.

29.6.09

Moción de censura

El País do sábado (tamén a prensa do domingo) trae algunhas claves importantes da moción de censura contra o goberno municipal do BNG en Gondomar. Un dos aspectos máis condenables é a actitude destrutiva dos concelleiros do PSOE, que, despois de bloquear calquera iniciativa do goberno municipal nos plenos (incluída a apertura da galescola) durante estes últimos dous anos, agora entran a engrosar a categoría de tránsfugas e, desautorizados polo seu propio partido, póñense ao escuro servicio de Rafael Louzán e dun PP que, en Gondomar, está implicado nas máis indesexables tramas de corrupción urbanística. Nestes momentos, hai xa en marcha un movemento veciñal contra a actitude cínica dos responsables da moción de censura, que se vai manifestar diariamente ás 21 horas diante do Concello de Gondomar.

28.6.09

O galeguismo de Feijoo

¿Galeguismo defendendo só o español? Iso chámase españolismo ou castelanismo. Xa que logo o que defende é un "españolismo aberto e plural".

Por certo, a semana pasada escoiteille dicir en castelán a María Antonia Iglesias (PSOE, sector felipista) na Radio Galega que o PP de Vigo e Pontevedra (os que manobran contra o galego), e cito de memoria "son más españolistas que El Cid Campeador". Ilustrativo, sen dúbida.

26.6.09

Volve outra noite inesquecible



Toda a información, aquí.


Vídeo da Noite na biblioteca no 2008 (a primeira que se fixo en Galicia):