13.3.05

Documental

A miña amiga Lara Bacelo sobrevoa desde hai uns meses un blog propio. Lara é unha profesional do audiovisual que fixo cousas realmente boas. Estou certo de non equivocarme se digo que o seu futuro profesional só pode sorrirlle. Eu tiven a sorte de participar nun dos seus proxectos: Ollos da cidade, un documental realizado a partir da poesía de Kiko Neves e da miña, unha reflexión audiovisual sobre a estética poética dos creadores urbanos e a relación da súa obra co entorno. É moi difícil de ver (excepto no vídeo da miña casa), aínda que xa se exhibiu publicamente nalgúns actos culturais. Se tedes ocasión de velo recoméndovolo, non porque eu sexa unha especie de (frustrado) actor coprotagonista (a miña poesía, máis ben), senón porque está realmente ben feito, gracias ao magnífico equipo que o realizou. Na rede pode verse unha escena dun dos poemas de Kiko Neves. No documental participaron a propia Lara Bacelos (idea e realización), Francisco X. Rodríguez (axudante de realización), Martiño Vázquez (director de son), António Pedra (producción), Ana Bueno (directora de imaxe), Fausto Carrasco (montaxe e script), Carlos Contreras (iluminación e foto fixa), Manuel Magariños (Axudante de dirección de son), Julián Martínez (postproducción de son), Diego Mata (operador de cámara) e Luís Batalla (story-board). Os magníficos temas musicais, de producción propia, son de Martiño Vázquez, Julián Martínez e da propia Lara Bacelo.

10.3.05

Animado panorama

Desde que a miña ausencia é unha constante (intermitente), o panorama dos blos animouse intensamente. Agora atopo un feixe de amigas e amigos na rede. Mesmo reaparecen os desaparecidos, coma voces vidas de ultratumba (¿cando ves tomar un café, colega?). Por certo, tamén souben que os de Halloscan me suprimiron todos os comentarios lendo o clásico dos clásicos, Todo Nada, como di un compañeiro referíndose o espacio de referencia que ocupa no blogmillo, o blog de «Polanco». Supuxen que o da desaparición dos comentarios tamén me pasara a min e vin comprobalo. Efectivamente, desapareceron os comentarios. Laméntoo. Por desgraza, a miña conexión a Internet da casa aínda é precaria (lenta coma a Idade de Pedra) para normalizar a miña relación cabrafanádica. Por se fose pouco, véxome obrigado a renunciar ao cable e a acollerme ao maldito adsl, para o que os torpes de Telefónica non garanten a instalación en Mac. ¡Vaia empresa punteira e innovadora!

9.3.05

Reaparición

Ben sabedes que a miña ausencia de Cabrafanada foi provocada polo frío, a chuvia e o mal tempo, que dá preguiza, que aletarga, que adormece, que aturde. Cando o inverno pasa por min xa non son o mesmo. Envólvome en min, vou quedando sen forzas e acabo tecendo un capullo ao meu redor (xa sei que "capullo" é un castelanismo, pero por veces non é posible renunciar á capacidade expresiva da lingua). Cando o sol regresa, saio convertido nunha persoa nova. Desde hai tempo, para animarme, escoito as prediccións metereolóxicas na Ser, con Florenci Rey, que desde que goberna o PSOE son moito máis alentadoras, con ceos constantemente limpos e despexados. Se cadra, así acelero a miña conversión en crisálida. O que non sei é se o home novo que vai saír de min é o que predica o marxismo ou o que predica o cristianismo. No tocante á vangarda revolucionaria, cada vez estou máis confuso. O importante é que para a primavera vou ser un home novo. Viva o sol.