27.3.08

Os xigantes de Ruxe-ruxe

Ruxe-ruxe, unha das bandas veteranas do panorama musical galego (levan máis dunha década chimpando) saca novo disco, que presentará o próximo 12 de Abril na Sala Capitol de Santiago de Compostela. A súa música non é comercial pero a eles dalles igual.


24.3.08

¿Serea ou balea?

Aínda que nunca fago caso a ese tipo de correos masivos que recibo demasiado a miúdo e que, case sempre, son tópicos e tonterías, non me resisto a reproducir o texto deste que recibín hai pouco, polo que ten de valor simbólico. O único que fixen foi traducilo ao galego.


Este verán, ¿queres ser serea ou balea?

Din que unha muller, de características físicas descoñecidas, respondeu á pregunta publicitaria nestes termos:


Prezados Sres.:

As baleas están sempre rodeadas de amigos (golfiños, leóns mariños, humanos curiosos). Teñen unha vida sexual moi activa, preñan e teñen baleíñas do máis tenras ás que amamantan. Pásano en grande cos golfiños poñéndose moradas de camaróns. Enredan e nadan surcando os mares, coñecendo lugares tan marabillosos como A Patagonia, o Mar de Barens ou os arrecifes de Coral da Polinesia. As baleas cantan moi ben e ata gravan CDs. Son impresionantes e case non teñen máis depredador que os humanos. Son queridas, defendidas e admiradas por case toda a xente.

As sereas non existen. E se existisen farían colas nas consultas dos psicoanalistas porque terían un grave problema de personalidade: ¿muller ou peixe? Non teñen vida sexual porque matan os homes que se achegan a elas; ademais, ¿por onde? Así que tampouco teñen fillos. Son bonitas, é verdade, pero solitarias e tristes. En todo caso, ¿quen querería achegarse a unha rapaza que cheira a peixe?

Eu téñoo claro, quero ser balea.
Atentamente.

22.3.08

John Balan

No post anterior reproduzo un microrrelato que non lembro ben cando escribín, pero supoño que foi a mediados dos anos 90. Está baseado nuna anécdota protagonizada por John Balan que meu pai –que o tratou con frecuencia durante os anos 60 e 70– me contara varias veces. Hoxe, ben pode servir como homenaxe. A recreación, por suposto, é totalmente persoal, aínda que xa teño oído varias versións que non sempre coinciden.




Unha actuación estelar

Aquela tarde, antes de subir ó tren, pasara moito tempo diante do espello. Afeitárase, lavara os dentes, peiteárase, cepillara as pestanas, as cellas, vestira o seu pantalón texano de luxe, a camisa azul, o chaleco de coiro, axustara o pano vermello arredor do pescozo e encaixara adecuadamente na cabeza o seu sombreiro de cow-boy. Logo agarrara a bolsa, que xa tiña preparada, marchara á estación e sacara un billete para Ourense no Expreso de Madrid. Cando entrou no tren, a ilusión brilláballe en cada reflexo dos seus ollos estrelados. Estaba impaciente pero, con resignación, agardou ata deixar atrás a estación de Filgueira. Despois pechouse nos servicios do vagón. Sacou da bolsa a cartucheira e as pistolas de fogueo e prendeunas ó cinto. Tamén colocou a estrela de xérif á altura do corazón. Acendeu unha faria. Mirouse no espello por última vez e saíu dos váteres. Dirixiuse directamente ó compartimento elixido. Viaxaban nel un señor entrado en anos, un soldado, unha muller maior acompañada da súa neta, e un home de garavata que lía o xornal. Coa pistola na man, abriu a porta do compartimento, apuntando aos pasaxeiros. Puxo o xesto grave cando lles explicou que era un atraco, que non tiñan nada que temer e que a súa única obriga era depositaren as pertenzas máis valiosas no seu sombreiro vaqueiro, que a continuación estendeu cara a eles. Á muller tremábanlle as mans, invocaba os ceos e non podía agachar o seu nerviosismo. A medida que os pasaxeiros ían depositando carteiras e os reloxos no sombreiro, el chiscoulles o ollo a cada un. Cando rematou, depositou o sombreiro no chan, no medio do compartimento, disparou contra o teito a pistola de fogueo e, facéndolles unha reverencia, anuncioulles aos señores pasaxeiros que tiveran a fortuna de presenciar de balde unha das actuacións estelares de John Balan.
Os viaxeiros do vagón vírono por última vez na estación de Ribadavia, afastándose polo andén, esposado e custodiado pola parella da Garda Civil. Tiña a ollada líquida e desaparecéralle aquel brillo de ilusión co que lles falara.

14.3.08

De paso

É unha excelente noticia que ese señor que sempre está de paso en tantos lugares (que sempre son o mesmo) emerxa das profundidades vertebrais da política para recuperar a súa palabra iluminada desde a liberdade do blog. Por certo, señor de paso, ¿sabe vostede a quen tiven ocasión de coñecer? A ese que dicía que a montaña é algo máis que unha inmensa estepa verde. Todo un referente da miña mocidade prosandinista. ¿Cando me invita a xantar?

12.3.08

Revolución e mercado

A semana pasada recibín por correo postal unha invitación para asistir a esta interesantísima exposición da Fundación Luís Seoane titulada Che! revolución e mercado. A verdade é que o tema é engaiolante, tanto como a mítica e sacralizada figura do Che. Lembro hai algúns anos un magnífico artigo de Suso de Toro ao respecto, pero non debe estar na rede porque non o atopo. Persoalmente, quero contribuír con humildade ao debate que propón a exposición da Luís Seoane con estas fotos que saquei en Cuba. En Cólera, o último poemario de María Xosé Queizán, o poema "Amar a Che Guevara" comeza así:
As fotos do Che Guevara invaden a miña casa.
Na cociña, no baño, o Che vixía
cada movemento burgués.




















9.3.08

Eleccións Xerais 2008

Por fortuna, perderon as eleccións:

—O PP
—A dereita intransixente
—Rajoy, Acebes, Zaplana, Esperanza Aguirre
—Galicia Bilingüe
—A extrema dereita
—A confrontación, a crispación
—A mentira, as falacias, a manipulación


Pero, lamentablemente, tamén perderon as eleccións:

—O multipardismo
—A pluralidade
—A diversidade
—A diferencia
—O voto con criterio


5.3.08

Blog para camiñantes

Un vigués de Bouzas pero residente no Val Miñor (Baiona) estrea blog para camiñantes, con motivo dun novo libro recén saído do forno.


3.3.08

Premio ao mellor estand na Feira da Habana

Momento en que Helena Torres, coordinadora da presenza galega no recinto da feira, en representación da Xunta de Galicia, recolle o Premio ao mellor estand estranxeiro da Feira Internacional do Libro da Habana 2008.


2.3.08

La tribu de la palabra

Intervención de Xavier P. Docampo, acompañado por Antón Riveiro Coello e Antía Otero, no espazo La tribu da la palabra, da Feira Internacional do Libro da Habana.