Levo toda a fin de semana
sen acceso á rede, igual que, polo que eu sei, unha boa parte dos usuarios de Gondomar. Supoño que o mal tempo tivo algo que ver, porque a chuvia sempre pon nervioso o meu adsl. As novas tecnoloxías e a chuvia galega deben ser incompatibles. Desde logo, hoxe na autoestrada había moitísimo vento. Esta mañá tiven que desprazarme e puiden comprobalo ao volante. Participei no derradeiro acto cultural en que estou involucrado durante este curso nun centro de ensino. Foi no IES Pintor Comeiro, de Silleda, onde desde a
biblioteca organizaron unha mesa redonda baixo o lema ¿Malos tempos para a lírica? Moderada por
Carlos Lema, participamos
Oriana Méndez,
Diego Ameixeiras,
María do Cebreiro,
Celso F. Sanmartín,
Miro Villar e mais
eu. Os rapaces traballaron no ámbito da poesía a partir de
Poetízate.
Ademais, acaban de chegarme do CPI José García García, en Mende, no concello de Ourense, as fotos do acto en que participei no pasado mes de maio inaugurando unha aula co meu nome (a aula de francés). Ese día tamén inauguraron cadansúa aula
O Carrabouxo,
Marta Dacosta, así como dous profesores do centro (Adán e Uxío), un deles xa xubilado.
Por certo, un dos encontros máis entrañables que tiven ultimamente foi unha estupenda charla en
miniatura, todo un desafío para captar a atención dos oíntes. O desafío só é comparable á sobrecolledora charla que impartín hai anos, a instancias dunha amiga, nunha residencia de anciáns de Vilanova de Arousa.
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.