16.11.08

Un país a medio facer

Un país a medio facer é o título do meu próximo libro, que estará nas librerías dentro de quince ou vinte días. Sairá publicado na colección Crónica de Xerais e os seus contidos pertencen ao ámbito do xornalismo.



Este é o texto que leva na contracuberta:
Un país a medio facer busca as claves da evolución da cultura galega nos últimos vinte anos a través das voces dos protagonistas. Hai 20 anos, as casas de ladrillo sen recubrir constituían, na opinión de Manuel Rivas, unha boa metáfora de Galicia. Mentres Rivas comezaba a destacar, un Suso de Toro irreverente aseguraba que había que cuspir sobre o retrato de Otero Pedrayo. Cando menos, iso din nas entrevistas. Algunhas delas foron contestadas e, globalmente, reflicten a cultura dun país que buscaba obsesivamente a súa normalidade. Apenas pasaran algo máis dunha ducia de anos desde a fin da ditadura, remataban os 80 ou albiscábanse os desinhibidos 90. A través de entrevistas feitas naquela época, reconstrúese agora o pulso cultural dun tempo en que Galicia era un país a medio facer e vivía ese feito de xeito obsesivo. Logo, o libro salta no tempo e viaxa, vinte anos despois, a unha Galicia que parece normal. ¿É normal? ¿Que cambiou na cultura galega nestes vinte anos?

Ningún comentario: