26.11.08

Autorretrato (4)

Un lustro son cinco anos e Cabrafanada comezaba a encherse de arañeiras. Pasa o tempo e resistímonos a aceptalo. Resístome a aceptar que hoxe é igual ca onte, aínda que temo que mañá será aínda máis distinto. Non é que calquera tempo pasado fose mellor; trátatase simplemente de que a ese individuo que son eu se lle enmarañan as arañeiras no pelo sen que cheguen a distinguirse realmente unhas do outro. O problema das arañeiras é cando penetran, a través dos oídos, dos orificios do nariz, e se instalan nos cuartos da mente. Daquela, as ideas avanzan lentas, porque tropezan con esas teas tan fina e sutilmente tecidas, porque ralentizan o fluxo cerebral, porque entoldan a visión, aínda que un se vexa coa mesma ollada de sempre. Se cadra, ese individuo da fotografía precisa varrer as arañeiras para recoñecerse, para enxergarse, pero tamén se cadra non deixa de ser un engano. Se cadra, do que se trata é de aprender cal é o punto de cruz co que se tecen as arañeiras e sacarlle partido. Se cadra nin sequera as arañairas son quen de deter o tempo e a cuestión está en ser máis rápido que o propio tempo, en anticiparse a el. En anticiparse, vello.


Ningún comentario:

Publicar un comentario