25.1.09

Un país raro

"Un país raro", así define Galicia a escritora Lupe Gómez no Galicia Hoxe deste domingo, cando fala de Un país a medio facer. Reproduzo parte do seu artigo, publicado baixo o título "Hipopótamo amoroso" no suplemento "Lecer":

O escritor galego Fran Alonso sempre nos sorprende coas súas achegas orixinais, coa súa escrita diferente. Agora agasállanos co seu libro de entrevistas Un país a medio facer, no que aparecen persoas como Manolo Rivas, Suso de Toro, Antón Reixa, Uxía Senlle, Ugía Pedreira... Un feixe de entrevistados que nos dan visións raras e interesantes de Galicia. Porque Galicia non é un país normal, senón que é un país raro, pequeniño e inmenso. Fran Alonso é un hipopótamo que sabe facer fotos cunha cámara dixital de alta definición. Cun punto de vista nidio, elegante.

Resultan interesantes e dinámicas as súas entrevistas. Facilitan e alegran a lectura porque non son conversas intelectuais e difíciles, senón que falan de todas as cousas con emoción e claridade. O país raro está cheo de fendas, interrogantes, claroscuros, dúbidas, enerxía, forza, medos.

A cultura galega está "aberta por reformas", como di o programa que Xurxo Souto ten na Radio Galega. É unha xanela aberta pola que poden entrar e saír moitas cousas, porque as potencialidades son amorosas.

Moitas grazas, Lupe, pola túas palabras azuis.


1 comentario:

  1. Así como un Océano (ou dous) de grande que é Lupe. Remato de ler o seu poemario (non sei porque emprego este sustantivo porque non me cae nada ben, en fin...) "Pornografía" e non sei como definilo.

    ResponderEliminar